Máis misas nas igrexas grandes para esquivar o coronavirus

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

Moitas igrexas pequenas seguirán pechadas, pero nas grandes os párrocos duplican hoxe horarios

17 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As igrexas do sur de Lugo están de novo abertas. A entrada na fase 1 xa permite a celebración de servizos relixiosos, aínda que con restricións no número de participantes e as distancias que teñen que gardar entre eles, polo que as parroquias con máis poboación recuperaron a súa actividade desde o mesmo luns, o primeiro día deste momento de desescalada. Pero a normalidade non é completa, porque moitas das pequenas parroquias aínda non celebran misa nin a van celebrar polo de agora, nin sequera este domingo.

Non haberá misas, por exemplo, nas parroquias máis pequenas repartidas polo concello de Chantada. «En boa parte das igrexas parroquiais se limitas a entrada a un terzo da súa capacidade non entran nin seis persoas», explica Manuel Areán, sacerdote da parroquia de Santa Mariña, na vila de Chantada. Este párroco cre que por moitas ganas que haxa de volver á normalidade completa, non hai que se precipitar. «Non caiamos na euforia -advirte-, porque o bicho segue aí».

A recomendación xenérica que lles chega aos sacerdotes desde a conferencia episcopal é evitar polo momento a reapertura da igrexas máis pequenas. Por iso esta semana non se celebrou na capela do barrio monfortino do Malvarón a tradicional misa do 14 de maio na honra de santa Xema. Misa houbo, pero foi na igrexa da Compañía, moito máis ampla. En Monforte estanse oficiando misas a diario desde o luns en igrexas como as da Compañía, a Estación e A Régoa.

Na Estación limítase o acceso a noventa persoas, menos dun terzo da súa capacidade total, e os espazos a ocupar polos fregueses están sinalizados. Na Compañía non hai indicativos físicos, pero o sacerdote oficiante coida de que os fieis estean dispersos por todo o templo. Na misa deste xoves por santa Xema, por exemplo, había unha persoa por cada banco.

Por parroquias

Rafael Mella é o párroco da Régoa e da Compañía, e tamén dalgunhas parroquias rurais do muninicipio. El e algúns dos outros cinco sacerdotes con parroquias en Monforte e no veciño municipio de Sober teñen pensado recuperar as misas este domingo nalgunhas igrexas pequenas. El, por exemplo, vai misar en Piñeira, ademais de en Monforte.

Para este domingo, as principais igrexas de Monforte oficiarán máis misas das habituais, para así evitar o risco de aglomeracións. Na Compañía serán hoxe ás once e ás doce da mañá, na Régoa á unha e ás oito da tarde, e na Estación ás dez, ás doce e media e, xa pola tarde, ás sete e media.

No caso de Chantada, a igrexa de Santa Mariña terá hoxe catro misas. A primeira delas será ás nove e media, ás once, ás doce e media e ás oito da tarde.

Máscaras faciais obrigatorias

Xel hidroalcólico na entrada para mans e calzado e máscaras ou pantallas faciais obrigatorias para os fregueses. Esas, e gardar as distancias unha vez dentro, son as normas a seguir para asistir a unha misa nesta fase da alerta sanitaria polo coronavirus. A esixencia de protección facial é coñecida e respectada por case todos os fregueses.

Na igrexa chantadina de Santa Mariña, o párroco impediulle o paso a un señor que non levaba e pediulle que fose por unha á farmacia máis próxima. «O home volveu contento -conta o párroco-, porque non sabía que coa tarxeta sanitaria llas ían dar gratis pola idade que ten».