«Todas as axudas que poidan chegar ao sector do viño son benvidas neste momento»

O presidente do consello regulador da denominación Ribeira Sacra participou esta semana nunha videoconferencia co conselleiro de Medio Rural

Rodríguez preside o consello regulador da denominación
Rodríguez preside o consello regulador da denominación

monforte / la voz

A principios da semana, o presidente do consello regulador da denominación Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, asistiu a unha videoconferencia co conselleiro de Medio Rural, José González, no que participaron tamén os responsables de todas as denominacións galegas de viños e augardentes. O encontro tiña por obxectivo dar a coñecer as medidas que pretende aplicar a Xunta para axudar a estes sectores fronte á crise provocada pola pandemia.

-Medio Rural prevé algunha actuación específica para a denominación Ribeira Sacra?

-Non, as medidas que anunciou o conselleiro afectan a unha serie de cuestións que son comúns a todas as denominacións de orixe. O que pretende a Xunta é paliar dentro do posible a problemática que padece o sector nun momento tan difícil como este.

-En que consisten esas medidas?

-Por unha parte, vaise intentar que non se perdan as subvencións que estaban previstas para iniciativas que agora non se poden levar a cabo, como os proxectos de replantación e reestruturación dos viñedos ou a participación en feiras internacionais. Vanse estudar tamén liñas para dotar de liquidez ás adegas no caso de que sexa necesario, así como condonacións de intereses e outras actuacións.

-En que medida poderán axudar estas medidas aos produtores da Ribeira Sacra?

-Nunha crise sen precedentes como a que estamos a vivir, todas as axudas que poidan chegar ao sector do viño son benvidas. Aínda non sabemos se todas esas axudas chegarán a ser necesarias, porque por exemplo non podemos dicir como vai ser a próxima vendima, xa que faltan meses para que se leve a cabo. Pero nesta situación de incerteza é mellor ter preparado o maior número posible de axudas e de actuacións de apoio por se chegan a facer falta.

-Que pode facer o consello regulador na actual situación de confinamento?

-O organismo segue a desenvolver as súas actividades habituais na medida en que o permite esta situación. Entre outras cousas, continúan facéndose controis para expedir as contraetiquetas que permitirán aos produtores comercializar os seus viños. Estase actuando tamén para resolver os problemas dos viticultores que non teñen os viñedos inscritos ao seu nome ou que non contan con tarxeta de viticultor. Traballar nestas condicións resulta complicado, pero estase facendo o que se pode.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Todas as axudas que poidan chegar ao sector do viño son benvidas neste momento»