Despois de explorar a gastronomía da comarca e os seus pratos típicos, os cociñeiros afeccionados competirán cos locais nun concurso popular que terá por escenario a praza de España de Monforte. O equipo comarcal estará formado por Simón Otero (restaurante Abadía Don Simón-, Xacobo García (parador de Monforte) e Luis Aguiar, da panadería Moure. Dous axudantes que irán respectivamente con Simón Otero e Xacobo García completarán a formación local. As súas creacións serán valoradas nunha cata a cegas por un xurado formado por quince veciños da comarca. Algúns dos xuíces son familiares dos concursantes locais e deberán afinar o gusto para recoñecer os pratos preparados polos seus propios parentes e distinguilos dos foráneos.
O novo espazo de TVG é un concurso-reality gastronómico presentado por Fran Cañotas e dirixido por Edu Lavandeira, quen se encargou tamén de realizar Buscadores de naufraxios, gañador do premio Mestre Mateo do pasado ano ao mellor programa de televisión. A primeira temporada de Come a comarca consta de trece capítulos, en cada un dos cales se darán a coñecer aos espectadores de toda Galicia as receitas típicas de dos diferentes territorios visitados.