«Inspírome na tradición artesanal dos carpinteiros, zoqueiros e cesteiros»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Manuel González traballando no seu moble «Sestrelo», premiado en Madrid
Manuel González traballando no seu moble «Sestrelo», premiado en Madrid CEDIDA

Premiado no Madrid Design Festival, Manuel González abrirá un obradoiro para impulsar a artesanía da madeira en Sober

20 feb 2020 . Actualizado a las 20:02 h.

O ebanista soberino Manuel González Rodríguez, que foi premiado no Madrid Design Festival polo seu moble Sestrelo, ten previsto abrir este verán na parroquia de Liñarán un obradoiro de artesanía. González está rematar un ciclo de ebanistería artística na escola ourensá Antonio Faílde e conta con precedentes familiares no mundo da carpintería.

-En que medida lle influíu a súa familia para dedicarse á artesanía da madeira?

-Tiven un avó carpinteiro que non cheguei a coñecer, pero na miña casa sempre houbo moitas ferramentas de carpinteiro e iso foi algo que me atraeu sempre. O meu outro avó, que si coñecín, non era carpinteiro de profesión pero sabía facer todo tipo de cousas, como facía tradicionalmente a xente nas aldeas, e aprendín moito del.

-Como desenvolveu o proxecto do moble que foi premiado en Madrid?

-Ao principio foi un exercicio de marquetería na escola onde curso os estudos, onde nos animan a elaborar os mobles seguindo un concepto determinado. Neste caso baseeime no concepto das estrelas e das constelacións. Xoguei con dous tipos de rombos e madeiras de tres tonalidades diferentes, e fun armando unha especie de mosaico adaptándoo á forma do moble.

-Que materiais utilizou?

-A base do moble está feito do material coñecido como DM ou taboleiro de densidade media, que na actualidade ten moitos usos. É unha especie de pasta de papel elaborada con elementos fibrosos básicos da madeira e resina sintética. Cubrín unha parte do moble co mosaico de madeiras en forma de estrelas, mentres que nos laterais o DM quedou ao descoberto. O material orixinal ten unha cor verdosa, pero eu deixeino tinguido de negro e deille un acabado para que representase a escuridade do ceo nocturno. As madeiras son de faia, koto e sapelli.

-Quedará como unha peza única ou ten previsto facer réplicas?

-A miña intención é facer máis mobles seguindo este modelo para comercializalos, pero todos feitos a man. Claro que, como pasa con todos os produtos artesanais, non serán copias exactar, porque cada peza ten sempre un carácter único.

-Ten outros modelos de mobles en proxecto?

-Teño practicamente acabada unha cama para cans feita de madeiras dobradas, porque no mercado non hai moita variedade nesta clase de mobles. A gran maioría das camas de cans están feitas de plástico e outros materiais baratos. Paréceme interesante ofrecer un produto artesanal de calidade e duradoiro, tendo en conta a afección que hai hoxe en día polas mascotas.

-Que criterios pensa aplicar nos seus traballos?

-O que pretendo é facer produtos que se inspiren na tradición artesanal galega dos carpinteiros, zoqueiros e cesteiros, que é un mundo que me interesa moito e do que procuro empaparme todo o posible, pero dándolles unha orientación e unha estética máis modernas. O meu modelo ideal sería algo parecido ao que fixo Sargadelos no mundo da cerámica.

-Cre que o seu obradoiro pode beneficiarse do auxe do turismo na Ribeira Sacra?

-Este proxecto é algo ao que levo anos dándolle voltas na cabeza, porque aínda que pasei gran parte da miña vida en Ourense, prefiro a vida no rural e quero axudar dalgunha maneira a fixar poboación e crear traballo nas aldeas. Pero non hai dúbida de que o pulo que se lle está dando á Ribeira Sacra pode resultar beneficioso para as actividades artesanais, como a olería de Gundivós, para o viño e para outros sectores, e hai que aproveitar este momento favorable.