«Dedícome ao manga para animar aos rapaces a adquirir o hábito de ler»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Rocío Rodriguez, na sección da súa librería dedicada aos cómics
Rocío Rodriguez, na sección da súa librería dedicada aos cómics FRANCISCO ALBO

Rocío Rodríguez, responsable dunha das librerías máis antigas de Monforte, presta especial atención aos cómics

12 feb 2020 . Actualizado a las 11:55 h.

Rocío Rodríguez López, que asina como Peruchela os seus traballos como fotógrafa, rexenta desde hai un ano a veterana librería e papelería monfortina Pelayo, que conta con máis de cinco décadas de historia. Un dos sinais distintivos do establecemento é que conta cunha sección específica para banda deseñada -especialmente para o manga xaponés- e tamén distribúe pezas producidas por unha decena de artesáns de diversas partes de Galicia. A libreira é ademais responsable de dúas tendas dixitais.

-Que importancia lle dá a súa oferta de cómics?

-O que pretendo é animar aos rapaces a adquirir ou recuperar o hábito da lectura e os cómics están entre as cousas que máis lles interesan. Teño tamén cómics americanos e galegos, pero está claro que o máis move é o manga. Procuro ter esta sección ben actualizada e non escollo as obras que poño á venda unicamente en función da demanda, senón que tamén traio outras publicacións menos coñecidas para que os rapaces se interesen por elas e poidan ampliar as súas lecturas, sen que ninguén as pida previamente. Aos clientes máis habituais desta sección, aos coleccionistas, fágolles un desconto dun 5%.

-Por que ten dúas tendas dixitais diferentes?

-Porque están dedicadas a cousas distintas. Unha delas, no enderezo libreriapelayo.es, é sobre todo para a venda de libros de texto. A outra tenda, peruchela.es, está dedicada a outras cousas, como os cómics, a artesanía e os xogos educativos. A estes produtos préstolles tamén moita atención e son distribuidora de Ekilikua, unha marca vasca especializada en xogos educativos e cooperativos. Estes xogos non se venden por Amazon nin se poden conseguir en todas partes. Interésome en distribuir certos produtos singulares que non pode vende rcalquera establecimiento senón que teñen uns canais de distribución moi definidos, como sucede tamén coas mochilas Totto, que fabrica unha empresa de Colombia.

-Como enfoca a venda de produtos de artesanía?

-Contactei con moitos artesanáns cando colaborei co proxecto Aldeas Galegas, desde o 2004, e cando abrín a librería decidin deixar un oco para dar visibilidade ao seu traballo. A maioría dos artesáns cos que colaboro son das provincias de Lugo e Ourense, aínda que hai tamén algúns da Coruña e outras partes. Rexistrei unha marca de distribución de artesanía, denominada Peruchela, e utilízoa para comercializar traballos de artesáns que non teñen unha marca propia nin contan cunha tenda dixital porque non lles compensaría.

-O establecemento tamén é unha papelería. Funciona ben ese mercado?

-A papelería marcha moi ben porque contamos uns prezos moi asequibles. Temos a fama de ser a papelería máis barata de Monforte e non só temos clientes locais, porque tamén nos piden cousas dun montón de sitios fóra do municipio e da comarca. Ofrecemos ademais materiais de belas artes, como lenzos e marcos de cadros, e tamén diferentes produtos personalizados, como marcapáxinas ou botellas decorativas con miniaturas no interior.