«A min particularmente xa me tarda a renovación de Edu Rodríguez»

LEMOS

LUIS CONDE

O tesoreiro do club destaca o gran traballo do adestrador, aposta claramente pola súa continuidade

29 ene 2020 . Actualizado a las 21:33 h.

A situación económica do Club Lemos mellora. O tesoureiro da entidade, José Luis Campos, confirma que están asegurados todos os pagos mensuais á plantilla ata final da temporada. Sobre a situación deportiva, o directivo respalda totalmente ao adestrador, Edu Rodríguez, e afirma con rotundidade que o club debería comezar a falar da súa renovación. É optimista con respecto á permanencia e asegura que este equipo directivo rematará o seu mandato.

-¿Cal é a situación financeira actual do Club Lemos?

-Estamos ben. Como xa fixemos nas temporadas anteriores, a nosa idea é continuar rebaixando a débeda, que está en 18.000 euros, porque a idea do presidente é deixala a cero. Tamén teño que dicir que xa temos diñeiro no banco, que garante os pagos á plantilla ata o final da temporada.

-¿Afectou o incremento das cotas de socios aos ingresos?

-Para nada. É máis, incluso ingresamos máis recursos. É verdade que se perderon algúns socios, pero viñeron outros que compensaron estas baixas. Actualmente, o Club Lemos conta con 310 socios.

-¿Está satisfeito coas taquillas desta temporada?

-Melloraron bastante con respecto as de campañas anteriores. Está claro que a subida do prezo das entradas de 5 a 10 euros nótase. É verdade que este incremento ocasionou algunha protesta, pero a maioría estivo conforme. E entendo que o prezo non é alto, tendo en conta o espectáculo futbolístico que ofrece o equipo na Pinguela. Tamén teño que dicir que segue habendo un bo consumo de rifas e no bar.

-A venda de lotería foi un éxito.

-Quedamos gratamente sorprendidos, porque enviamos décimos para distintos puntos de España. Deixou unha marxe de 3.600 euros ao club, que está moi ben.

-¿Que lectura fai da primeira volta do equipo na liga?

-Entendo que merecíamos ter máis puntos na clasificación, porque pola imaxe que ofreceu o equipo en moitos partidos, faltáranos algúns triunfos.

-¿Chegou a xunta directiva a cuestionar ao adestrador?

-Non, en ningún momento. Cremos plenamente no seu traballo. É máis, a min particularmente xa me tarda a súa renovación. O seu método de traballo e a súa idea futbolística son magníficos, e ademais adáptanse ás posibilidades económicas do Lemos.

-¿Están satisfeitos cos reforzos que fixeron para a Preferente?

-Estamos moi agradecidos polo compromiso que amosaron dende que chegaron aquí. Fan un gran esforzo desprazándose dende os seus lugares de orixe para completar a magnífica plantilla que temos. O seu comportamento é exemplar, e acatan sempre de bo grado as decisións de Edu Rodríguez.

-¿Logrará o Lemos a permanencia na Preferente?

-Por suposto que si. Creo firmemente que nos manteremos na categoría. O bo traballo e a actitude do plantel invita ao optimismo, e coa recuperación dos lesionados seguiremos indo a máis.

-¿Chegarán reforzos neste mercado de inverno?

-Eu non son partidario de tocarlle a plantilla para nada, pero estas decisións compétenlle ao míster e ao vocal Juan Rodríguez.

-¿Volverá o Lemos á Terceira División?

-Volverá, pero farao ao seu debido tempo. Pero para iso ten que haber unha concienciación por parte dos empresarios locais, que teñen que aportar ese plus económico que lle permita ao Lemos ingresar o dobre do que recada actualmente.

-¿Está cansada a xunta directiva?

-A verdade é que tres temporadas xa fan mella, pois isto é un sacrificio e unha tarefa que fas desinteresadamente. Non obstante, teño que dicir que os directivos queremos rematar o noso mandato. Espero que as circunstancias familiares e laborais nos permitan cumprir os catro anos, porque formamos un bo equipo.

-Respiraron co feito de que non houbese xuízo pola reclamación do anterior presidente de 45.000 euros.

-O noso avogado, Xaquín Martínez, levou o tema con todo detalle, logrando que ao final se atopase unha fórmula satisfactoria para facer viable o club.

-¿Están satisfeitos co respaldo das administracións?

-Coa local e a provincial estamos moi contentos, e só teño verbas de agradecemento para o señor Tomé. Coa autonómica non estamos nada contentos, porque non recibimos apoio. O que si lles pediría ás tres administracións é unha boa iluminación para o estadio da Pinguela. Cando imos por outros campos de Galicia sentimos envexa sana ao ver o magnífico sistema de iluminación que teñen.

-¿Que mensaxe lle traslada á afección lemista?

-Doulle as grazas polo apoio que nos presta, tal e como quedou patente na cea de homenaxe a Pousa. Foi un momento de respecto coa historia do club. E pídolle que siga nesa liña.