A Pobra do Brollón celebra este venres a terceira Foliada Guímara

LEMOS

Un aspecto da segunda edición das Foliadas Guímaras, celebrada o ano pasado
Un aspecto da segunda edición das Foliadas Guímaras, celebrada o ano pasado CEDIDA

O festexo, animado polos alumnos da escola de música Samoeiro, contará coa participación do cantautor O Leo i Arremecághona!

23 ene 2020 . Actualizado a las 15:17 h.

A parroquia da Ferreirúa acollerá este venres a terceira edición das Foliadas Guímaras que organizan o Concello da Pobra do Brollón e a escola de música Samoeiro. O festexo comezará ás 21.00 horas no local social e, como nas anteriores edición, haberá barra e servirase caldo. Nesta edición, os organizadores animan aos asistentes a levar desde as súas os vasos, as cuncas e as culleres «para fomentar unha festa libre de lixo». O festexo contará coa participación do cantautor O Leo i Arremecághona!

As Foliadas Guímaras organízanse en colaboración coas asociacións veciñais das diferentes parroquias do municipio, neste caso coa da Ferreirúa. Os obxectivos destes festexos —segundo explican os responsables municipais— é «descentralizar a programación cultural do Concello para levala polas diferentes parroquias» e tamén «animar aos alumnos da escola municipal de música a poñer en práctica o aprendido nas clases». En todos os casos son actos abertos aos que poden asistir todos os veciños da Pobra do Brollón e dos municipios veciños que o desexen.