«No futuro vexo máis viable un Club Lemos en Terceira que na Preferente»

LEMOS

Carlos Castro

O máximo mandatario da entidade afirma que cumpliron os obxectivos do ano que remata

30 dic 2019 . Actualizado a las 21:07 h.

Remata o ano, e o presidente do Club Lemos, Óscar López, que cumpre a súa terceira temporada á fronte da entidade fai balance. Á hora de titular o 2019, o mandatario afirma: «Seguimos con ilusión». O directivo asegura que lograron os dous principais obxectivos: ascender á Preferente e reducir a débeda. De cara ao 2020 que comeza mañá, as metas son a permanencia e o ascenso do Lemos B. A falta dun ano e medio para a conclusión do seu mandato, López non descarta presentarse á reelección. «O Lemos nunca camiñará só», asegura.

-¿Como resume o ano do Lemos?

-Foi un bo ano, porque logramos o ascenso. E non foi fácil, porque fomos o rival a bater, e no económico reducimos a débeda. Collemos o club debendo 100.000 euros, e agora a débeda está en 18.000.

-¿Como conseguiron esta diminución sen que se resentise o potencial da plantilla?

-Sendo austero e tendo as ideas claras. Dende que collemos o club a nosa idea era facer un equipo competitivo dentro duns parámetros económicos, e lográmolo. Isto foi posible polo compromiso dos futbolistas, que renunciaron a ofertas suculentas doutros equipos por xogar no Lemos. É iso sempre llelo agradecerei.

-¿Cal é o obxectivo da campaña?

-O noso obxectivo é manternos na Preferente. É verdade que nos está custando adaptarnos, pero xa sabíamos que isto non sería doado. O nivel da Preferente é moi alto, sobre todo porque hai moitos futbolistas de Segunda B e de Terceira que baixaron a esta categoría.

-¿Está contento co rendemento dos reforzos?

-Estou contento polo seu compromiso, aínda que é verdade que lles está custando adaptarse á Preferente.

-Chegou Asier neste mercado de inverno, ¿contemplan máis incorporacións?

-A curto prazo non, pero se aparece un merlo branco, é dicir un central e un dianteiro, intentaríamos incorporalos.

-¿Sería un fracaso non manterse?

-Un fracaso non, pero si un duro revés para o proxecto.

-¿Respirou tranquilo cando o expresidente Antonio Pérez retirou a denuncia contra o Lemos?

-O feito de non ter que abonar unha presunta débeda de 45.000 euros salvou ao club dunha posible desaparición. Si que respiramos, porque cando vas a un xuízo non sabes o que pode pasar.

-¿Estivo Edu na corda frouxa?

-É verdade que no fútbol ás veces imperan os resultados, pero Edu foi a miña aposta persoal, e estou moi ledo co traballo que está facendo. Hai que recordar que colleu un equipo sen futbolistas, e agora só hai que ver como compite e onde estamos.

-¿Seguirá a vindeira temporada?

-Se el non quere continuar, a decisión será súa. Eu teño moita confianza en Edu, e no mes de abril sentaremos para falar da súa renovación. Eu quero que remate o meu mandato no banquillo.

-En caso de que continúe, ¿manterá todo o poder deportivo?

-A idea é que o directivo Juan Rodríguez teña máis poder de decisión nos temas deportivos. O que quero é que os dous vaian da man.

-¿Quere dicir iso que non sintonizan?

-Non, para nada. Forman un gran equipo, pero ás veces poden ter as súas discrepancias.

-¿Hai indignación no Lemos coas arbitraxes que están tendo?

-Arbitrar é complicado, e eu nunca me meterei nunha decisión técnica, pero cando ves que algúns colexiados toman decisións sospeitosas contra o Lemos incomódaste. E nese caso, como presidente sempre defenderei ao club.

-Vostede comentou que os árbitros de Monforte non querían arbitrar ao Lemos B, ¿que pasou?

-O pasado verán, o delegado de árbitros de Monforte, Saúl López, comunicoume que os colexiados locais non ían volver arbitrarnos, e iso foi así ao principio. E todo foi a raíz dos incidentes do partido contra o Outeiro de Rei na Pinguela, porque o noso capitán Gonzalo Torres foi declarar ao xuízo. Eu puxen isto en coñecemento da federación, pero non fixeron nada por arranxalo.

-¿Hai malestar coa federación?

-Actualmente, as relacións son tirantes, porque entendo que a federación ten que resolver os problemas dos clubs. Vai chegar o momento en que os clubs se unan e lle digan á federación que nos apoie máis. Non só ten que estar para cobrar.

-A vostede sancionárono con tres semanas por un problema que tivo cun colexiado ao remate do Lemos B-Quiroga, ¿como valora esta suspensión?

-Isto veu a raíz do anexo que redactou o señor Saúl López. Recoñezo que me equivoquei nas formas, pero non no fondo. Paréceme inxusto que só me sancionaran a min e que tan só se tivese en conta a versión do árbitro, porque hai cousas que redactou que non foron verdade. Isto demostra que os clubs estamos indefensos.

-¿Presentarase á reelección?

-Se algún outro socio se presenta á presidencia, eu darei un paso ao lado, pero se non hai candidatos, non deixarei que o Lemos camiñe só.

-¿Está ledo coa directiva?

-Moi ledo. Son a parte fundamental do proxecto. Iso si, gustaríame incorporar dous ou tres máis.

-¿Cumpren as administracións?

-Si, sobre todo o Concello e a Deputación. Non quero esquecerme do señor Tomé, que foi clave na miña decisión de dar o paso para presidir o Lemos.

-¿Todos os expresidentes son socios do Club Lemos?

-Non, e non o entendo. Coido que ter sido presidente do Lemos obriga a continuar como socio.

-¿Que lectura fai da filialidade co Calasancio?

-Moi positiva, e cada día que pasa estou máis satisfeito da decisión que tomei. Os datos están aí, a maioría dos futbolistas do Lemos B viñeron do Calasancio. Quero agradecer tamén ao CF Monforte as facilidades que da para que os seus xuvenís veñan para o noso club.

-¿Será posible ver un Lemos en Terceira División?

-Non o descarto, pero para iso teríamos que subir o prezo dos carnés, reunir máis socios e incrementar as tarifas publicitarias. Pero teño que dicir que a medio prazo será máis viable un Lemos en Terceira que en Preferente, sobre todo polos ingresos, que son maiores. Manteriamos a mesma filosofía, tratando de repatriar aos futbolistas da comarca que están en categorías superiores, como Iago e Fernando.

-¿Que lle pide ao 2020?

-A permanencia na Preferente e o ascenso dun Lemos B, que está en racha, porque en 48 eliminou da copa a dous equipos se superior categoría. E tamén pido que os socios e afeccionados acudan a cea do vindeiro día 10 de xaneiro, na que renderemos unha merecida homenaxe a toda unha institución, o señor José González Pousa. Aproveito para desexarlle un bo aninovo a todos os lemistas.