A candidatura da Ribeira Sacra, reforzada con máis de 34 millóns

Núñez Feijoo presentou nos Peares o plan de investimentos para o territorio


ourense / la voz

A candidatura da Ribeira Sacra para aspirar a se converter en Patrimonio da Humanidade da Unesco vai por bo camiño. Ao menos así o considera o presidente da Xunta, que lembrou onte no seu pobo que «xa se declarou a Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural na categoría de paisaxe cultural e xa se conseguiu que a candidatura sexa a única que presentará España no ano 2021» e agora, segundo Alberto Núñez Feijoo, fai falta un paso máis. E nesa liña se enmarca a iniciativa presentada onte no edificio do Consorcio Local dos Peares.

O Plan Ribeira Sacra. Plan da paisaxe cultural 2020-2023 é un proxecto integral que abrangue a cinco consellerías do Goberno galego e que destinará más de 34 millóns de euros a proxectos e actuacións que incidirán en tres grandes eixos -Protección, Planificación e Coordinación- para mellorar o entorno, a patrimonio histórico e natural e as infraestruturas para que a Ribeira Sacra chegue á declaración da Unesco nas mellores condicións posibles.

Segundo os datos avanzados onte polo presidente galego, o plan é un instrumento de planificación que se articulará en base a sete programas e que «contén 35 accións que se desenvolverán nunha área duns 3.000 quilómetros cadrados, na que viven máis de 60.00 habitantes».

En conxunto son 25 municipios os que se beneficiarán das actuacións, das provincias de Ourense e Lugo, e as melloras acometeranse «en eidos como: o patrimonio e paisaxe cultural; a ordenación do territorio; a conservación dos valores naturais e medio ambiente; o desenvolvemento económico sustentable, a xestión do turismo; a educación, formación e investigación ou a comunicación e participación».

Feijoo lembrou que a Ribeira Sacra ten nos últimos quince séculos de historia e no traballo dos seus habitantes, que foron quen de domear a paisaxe e encher de mosteiros e vides a zona, o seu mellor argumento. Feijoo tamén sinalou que os veciños tiveron que saír adiante nunhas condicións que non eran as mellores para os investimentos nos ben patrimoniais.

No acto que se desenvolveu onte na localidade dos Peares tamén se procedeu á sinatura da orde de aprobación do Plan especial de Infraestruturas e dotacións do Consorcio Local dos Peares, dotado con preto de 15 millóns de euros. Alcaldes e representantes dos catro municipios entre os que está dividido o pobo -A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Pantón e Carballedo- asinaron os documento no que se contemplan as accións a executar. Entre outras figuran no plan intervencións como a urbanización do borde fluvial do río Búbal, a pavimentación de accesos á estación ferroviaria ou a ampliación do paseo do río Miño -que xa está en marcha-. Tamén actuará como guía para a mellora das condicións estéticas. O presidente da Xunta, que naceu na zona de Nogueira de Ramuín, recoñeceu no acto que as cousas non se fixeron todo o ben que se poderían ter feito e que hai casas «as que boa falta lle fai» ser obxecto de mellora.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A candidatura da Ribeira Sacra, reforzada con máis de 34 millóns