En Pantón, inventario vén de inventar


No pleno celebrado no Concello de Pantón o 30 de outubro aprobouse a elaboración do inventario de camiños municipais, e eu, como voceira do grupo municipal do bng, pedinlle ao alcalde que achegase a información ás persoas e ás parroquias, nomeadamente às de maior idade que son quen máis e mellor coñecen a rede viaria de potencial titularidade municipal. Naquela mesma intervención e coa idea de sermos unha oposición construtiva, lonxe desa imaxe que se quere transmitir dende o partido gobernante, pedimos que se incluísen recomendacións para a protección dos balados, sen prexuízo dos dereitos inherentes á propiedade privada.

É acaído lembrar que somos unha potencia turística tamén pola paisaxe, na que teñen importancia de seu eses muros que nos legaron os devanceiros e que gozan de figuras de protección en varios países de Europa. A Administración debe dar exemplo daquilo que predica e avala, sempre co respecto debido a quen habita e traballa a terra.

A reposta foi: 'vale'.

Logo viría a pubicación do anuncio no BOP de Lugo e chegaría a fase de exposición pública que comezou o 13 de novembro e expira o 13 de xaneiro. Cal foi a sorpresa de quen lles escribe e dúas compañeiras de aventura política, cando comprobamos que case non existen camiños municipais nas ribeiras e que os límites parroquiais móvense cun criterio que se descoñece. Para que rían, aínda que o tema é serio, direilles por exemplo que a igrexa e cemiterio de Santiago de Castillón "están" na parroquia de San Vicente. Ou que parte do Monte de Eiré figura na parroquia de Vilar de Ortelle. Que hai camiños en Espasantes, Acedre ou Cangas que xa non están, aínda que se ven perfectamente no sixpac e mellor no 'vo dos americanos', que data de 1956. Ou que hai pistas forestais propiedade dos comuneiros que figuran como municipais, caso do Monte Ferroedo en Tuiriz, ou aldeas con estradas municipais que xa non existen e casas sen acceso viario. Por poñerlle algúns exemplos.

A palabra inventario, vén do latín inventarium, que significa listaxe do atopado do verbo invenire (atopar, achar), mais puidese parecer que en Pantón vén do verbo latino inventus do que procede o verbo inventar e significa 'aquilo novo que vén'. E abofé que é novo que os camiños municipais sexan tan poucos e tan mal delimitados, sen respecto pola realidade, nin pola historia, nin polo dereito.

Pedínlle ao señor alcalde por rexistro electrónico e por teléfono, dada a súa ausencia do concello durante días, e reitérollo por carta, unha xuntanza urxente coa veciñanza para explicarnos o alcance e as consecuencias xurídicas, a ampliación do prazo de alegacións e que esixa á empresa responsable da elaboración que faga o que non fixo e realice un traballo de campo que conduza à subsanación dos inumerables erros.

Por Rosa-Ana Prieto Voceira BNG Pantón

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

En Pantón, inventario vén de inventar