«Apostar polo turismo inclusivo pode ser moi beneficioso na Ribeira Sacra»

Xaime Toxo colabora na organización dunhas xornadas formativas que se celebrarán este mes en Pantón

Xaime Toxo nun encontro con estudantes, nunha imaxe de arquivo
Xaime Toxo nun encontro con estudantes, nunha imaxe de arquivo

monforte / la voz

Xaime Toxo preside o Ateneo de Pontevedra, entidade que promove no municipio de Pantón un proxecto de fomento do turismo inclusivo que conta co apoio do plan O Teu Xacobeo. A primeira actividade consiste nunhas xornada formativas que se celebrarán entre os días 23 e 24.

-Cal é o obxectivo destas xornadas?

-O que se pretende é ofrecer unha formación específica sobre as necesidades das persoas con discapacidades físicas e cognitivas e sobre como articular unha oferta turística dirixida a elas. En xaneiro haberá outra xornada, centrada neste caso nas discapacidades sensoriais. Esta convocatoria diríxese a persoas que traballan no ámbito do turismo, da hostelería e do traballo social. As charlas serán ofrecidas por expertos na integración das persoas con discapacidades que pertenecen a entidades como Cogami, Fademga ou a asociación Agora de Monforte. Tamén participará Pablo Mariño, responsable dunha empresa de turismo mariñeiro que traballa co turismo inclusivo.

-Haberá experiencias de tipo práctico?

-Organizaranse visitas ao mosteiro de Ferreira de Pantón e a unha adega do Saviñao, e tamén haberá un percorrido fluvial polo Miño. A finalidade é comprobar de forma práctica como organizar nestes lugares actividades turísticas accesibles a persoas con diferentes tipos de discapacidade e que resulten interesantes e gratificantes para elas. Con base nestas experiencias, máis adiante organizaranse visitas guiadas nas que participarán persoas discapacitadas, a fin de comprobar como se poden aproveitar os recursos turísticos locais.

-As persoas que asistan a estas xornadas recibirán algún certificado?

-A nosa intención é que reciban unha certificación con valor académico, porque os que promovemos esta iniciativa estamos vinculados na maioría ao mundo universitario. O que se pretende é que quen asista a estas xornadas quede capacitado para organizar e xestionar actividades de turismo inclusivo.

-Ata que punto pode ser interesante este tipo de turismo na Ribeira Sacra?

-O turismo inclusivo é algo moi recente e aínda está pouco desenvolvido, pero neste terreo hai moito futuro e un mercado potencial moi importante que pode axudar a crear beneficios económicos e emprego. Se na Ribeira Sacra chega a desenvolverse e consolidarse unha boa oferta de turismo inclusivo, pode atraer a moita xente que non encontra este tipo de recursos noutros lugares. Apostar por este turismo e colaborar con colectivos que traballan pola integración das persoas con discapacidades, como a Once ou Cogami, pode resultar moi beneficioso para o sector turístico deste territorio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Apostar polo turismo inclusivo pode ser moi beneficioso na Ribeira Sacra»