«O consorcio de turismo precisa máis cartos e máis persoal»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O alcalde de Sober anuncia cambios no funcionamento desta entidade de municipios

22 oct 2019 . Actualizado a las 17:26 h.

Luis Fernández Guitián acaba de empezar o seu segundo mandato como presidente do consorcio de turismo da Ribeira Sacra. O alcalde de Sober repite no posto despois dunha votación na que se tivo que enfrontar a outro candidato, José Manuel Rodríguez, o presidente do consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra. A votación gañouna, pero deste episodio inesperado queda a sensación dunha certa división. Polo de pronto, Guitián anuncia novidades nalgunhas dinámicas de funcionamento do consorcio. Son cambios, asegura, que non teñen que ver coas críticas que fixo públicas o candidato derrotado, senón cos novos retos que ten que afrontar esta asociación de municipios dentro do denominado plan Ribeira Sacra da Xunta e o procedemento en marcha para tratar de que a Unesco declare a Ribeira Sacra como patrimonio da humanidade.

-O resultado da votación entre vostede e José Manuel Rodríguez foi axustado. Sorprendido?

-Ao haber dúas candidaturas é lóxico que haxa votos para un lado e para outro.

-Pódese entender como un voto de castigo.

-Eu non o vexo así. Presentámonos dous e os dous mlitamos no mesmo partido, e houbo representantes que votaron para un lado e para o outro. Non o considero un voto de castigo.

-Hai que cambiar cousas no funcionamento do consorcio?

-Ao consorcio de turismo estánselle facendo encomendas que non son as propias del. O obxectivo do consorcio é deseñar e aplicar accións de dinamización turística do territorio. Sucede que nos últimos anos gañou moito protagonismo porque desde a Xunta se lle canalizaron actuacións relacionadas coa declaración de ben de interese cultural e agora coa candidatura a patrimonio da humanidade. Nós agora temos que ser máis esixentes coa administración para que esas accións que nos encomendan traian consigo tamén máis dotación económica e máis dotación de persoal. O consorcio precisa máis cartos e máis persoal. Porque temos moi pouquiño persoal, só unha secretaria e unha xerente. E a xerente é a figura principal do consorcio. Sen xerencia sería imposible funcionar, porque o consorcio non é un ente presidencialista. A figura do presidente nel non ten a importancia do alcalde nun Concello. E o consorcio é un ente cun orzamento moi pequeno, dun euro por habitante para cada Concello, máis 25.000 euros de cada unha das dúas deputacións e máis os convenios que asinamos con Turismo de Galicia, que veñen estando ao redor doutros 200.000 euros ao ano. E a de Turismo de Galicia é financiamento finalista, recíbela para un proxecto que previamente presentaches.

-Ten o consorcio un problema de liquidez, como denunciou o outro candidato á presidencia?

-Hai concellos que non entregaron aínda a súa cuota correspondente a este ano. As deputacións tampouco a pagaron aínda. Cunha soa das deputacións ou algún dos concellos as ingresasen xa teríamos suficiente para pagar as mensualidades que temos pendentes coa secretaria e a xerente. Pero a propia xerencia interpreta que é máis importante que cobren as empresas que traballan para o consorcio. Non é raro que a estas alturas do ano falten cartos para afrontar todos os pagos, sempre porque tamén hai cotas sen pagar, e cobran antes as empresas que o noso pesoa. Neste momento pode haber tres nóminas mensuais pendentes de pago.

-E agora toca xestionar a zona ARI que a Xunta vai declarar para todo o territorio da Ribeira Sacra.

-Xestionar vaina xestionar a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. O que nos corresponde a nós é facer un traballo de coordinación dacordo con Patrimonio Cultural.

-Así que lles fai falta máis orzamento. Pero a cal dos organismos públicos que xa financian o consorcio lle van pedir máis axuda?

-Temos xa solicitadas entrevistas para abordar este asunto coa presidencia da Xunta e a vicepresidencia, cos conselleiros de Cultura, Industria, Medio Rural, e Medio Ambiente, e coas dúas diputacións. Esas consellerías son as que sabemos que van ter algo que dicir no plan Ribeira Sacra. Imos explicar que se nos encargan accións queremos que veñan con financiamento en persoal, porque se non é así non imos ser capaces de levalas a cabo. Pero a nosa intención tamén é introducir novidades no funcionamento interno do consorcio. Queremos organizar dúas comisións que se reúnan con máis frecuencia que os plenos. Unha encargarase da xestión pura e outra máis de dinamización turística e actividades. Son necesarias para facer do consorcio un ente máis dinámico, porque de aquí en adiante vainos facer falta que o sexa por estas novas responsabilidades.

-Cando se van formar esas comisións?

-A proposta xa a fixen no pleno de renovación de postos directivos. Habería que aprobala no de organización, que vai ser a semana que vén.

-E vai estar José Manuel Rodríguez nalgunha desas comisións.

-Si, por que non? Eu penso que como presidente do consello regulador el debería estar nunha desas dúas comisións e o representante das casas de turismo rural na outra.