«O consorcio de turismo convertiuse nun espazo para saír na foto»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LOPEZ

Aspirante derrotado a presidir o consorcio, Rodríguez considera imprescindible un cambio de rumbo na xestión da entidade

15 oct 2019 . Actualizado a las 19:38 h.

José Manuel Rodríguez postulouse a semana pasada como candidato á presidencia do consorcio de turismo da Ribeira Sacra, pero perdeu. Obtivo dos alcaldes dos 21 municipios que forman parte desta entidade un respaldo significativo, pero minoritario. Sacou máis votos o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, que era presidente desde o 2015 e que seguirá catro anos máis. José Manuel Rodríguez nega que teña sentido intentar sacar deste episodio conclusións en clave política -el está afiliado ao PP, igual que o presidente reelixido e os alcaldes deste partido teñen a maioría no pleno do consorcio-. Asegura que se se presentou como candidato á presidencia foi porque cre que no consorcio hai moitas cousas que mellorar.

-Por que decidiu presentarse?

-Porque o consorcio de turismo se convertiu nun espazo para saír na foto. E non mo parece só a min, porque nese pleno da semana pasada houbo outros que defenderon ese punto de vista. Dígoo así e sinto ter que dicilo. Haille que dar máis participación nas decisións do consorcio ao empresariado privado, aos axentes sociais que están no territorio. Paréceme un esperpento que a imaxe da Ribeira Sacra sexan uns concertos que deixan a imaxe de xente con litronas mesturados entre cepas, catamaráns e adegas. E que en moitos sitios deixaron a deber as comidas que consumiron. Isto non é a imaxe da nosa terra. A todo isto haille que dar unha volta, sentar a falar e facelo doutra maneira.

-Dentro de pouco o consorcio vai asumir responsabilidades novas. A Xunta xa anunciou que lle vai encomendar a xestión da área de rehabilitación integral que vai incluír a toda a Ribeira Sacra. Presentouse pensando niso?

-Non, pensaba en que todo o que se vai facer neste territorio haino que abrir á sociedade. Cando lle imos facer unha obra a alguén, polo menos haberalle que preguntar por que lado lle convén abrir unha ventá. Unha tirolina deberíamola facer pensando non tanto en se impacta visualmente como en se vai traer máis visitantes. E no caso das casetas de Chantada non pode ser que decidamos se se tiran en función de que teñan ou non unha cociña ou un aseo. É unha loucura. De pouco vai valer que cheguen cartos para a zona ARI se non se invisten no que realmente hai que investilo. Alguén se parou a pensar que nos últimos vinte anos se queimaron na Ribeira Sacra en plans Leader e demais nada menos que 20.000 millóns de pesetas?

-20.000 millóns de pesetas?

-Penso que é mais ou menos a cantidade que sae sumando os cinco plans sucesivos que se aplicaron na parte de Ourense e na de Lugo. Iso dá mil millóns de pesetas ao ano, suficiente para que cada día empezase unha obra de máis de dous millóns de pesetas. Das cousas que non se fixeron axeitadamente temos que aprender. Temos que meter á sociedade civil aí para non repetir eses erros. E pasan outras cousas tamén. Non se entende como é posible que o consorcio leve catro meses sen lle pagar o soldo aos seus traballadores. Está formado por 21 municipios. Ten que haber maneira de arranxar iso.

-Agarda cambios na xestión do consorcio despois da votación da semana pasada?

-É básico que as cousas se fagan doutra maneira, senón o consorcio non servirá para o que foi creado. Témonos que sentir todos partícipes dun proxecto común. O gran éxito da denominación de orixe é que toda a xente do territorio se sentiu partícipe do mesmo proxecto. De feito, hai seiscentos viticultores que están dados de alta no consello regulador a pesar de que nin sequera venden uva. Iso lógrase abrindose á sociedade.

«Eu nunca estiven teledirixido por ninguén, nunca entrei nesas lerias»

José Manuel Rodríguez forma parte do pleno do consorcio de turismo en calidade de presidente do consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra. No pleno está tamén representada a asociación de casas de turismo rural, pero a maioría dos votos téñenos os alcaldes dos 21 municipios das dúas beiras da Ribeira Sacra. E 17 deles están gobernados polo PP. Os populares sempre fixeron valer a súa maioría na elección de presidente, pero esta vez os dous candidatos estaban afiliados a este partido.

-Hai lecturas políticas que facer do resultado da votación?

-Non, ningunha. Isto non vai de ser do PSOE, do PP ou do Bloque. Cada un é de quen lle peta. De feito, a min paréceme grave que mesturemos a política con isto. A política aquí non é relevante en absoluto. A cuestión central aquí é que isto se ten que organizar desde un punto de vista construtivo, de facer territorio entre todos. Se andamos mirando de reollo cantos miradoiros fai Sober, ou cantos fai Parada de Sil, ou se fulano levou para non sei onde un centro de interpretación de non sei que... entón todo isto quedará reducido a un acordo para repatirnos entre todos os concellos os cartos que entre todo poñemos. E iso non pode ser. Ten que haber un concepto xeral do que é a Ribeira Sacra, non hai outra maneira. Así que escapemos de buscarlle explicacións políticas a isto.

-Admitirá que é difícil non intentalo polo menos.

-Pero é que non quero que a opinión pública se quede con iso, moléstame profundamente. Hai traxectorias e traxectorias, e non todos temos o mesmo pasado. Eu nunca estiven teledirixido por ninguén, nunca entrei nesas lerias. Outros si que andan, e andarán. Miras algunhas fotos e ves a algunha xente pendente de quen está peor o mellor colocado. Sempre militei no PP, e incluso nalgún momento me botaron fóra do PP por defender un proxeto común.

-En calquera caso, para presentarse a algo así o normal é falar previamente, ver con quen se pode contar...

-Eu presenteime pensando que podía haber un cambio, pero antes da votación xa sabía que non o ía a haber. Aínda así presenteime igual, porque penso que é bo que se plasme que hai quen está por cambiar as cousas. En todo caso, vou seguir traballando e tratando de achegar cousas en todos os foros nos que estea como representante do consello regulador da denominación de orixe.