«Afrontamos o novo reto con menos orzamento pero coa mesma ilusión»

luis conde MONFORTE

LEMOS

CEDIDA

O técnico analiza a nova temporada do CB Chantada que comeza este sábado en Culleredo

02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O sábado comeza unha nova temporada do Ucoga Seguros CB Chantada na liga EBA, e faino con Alberto Fafián como adestrador. O técnico encara con ilusión e con optimismo esta nova campaña, na que a pesar dos cambios que experimentou o plantel, ten depositadas moitas esperanzas. Un dos retos é disputar por cuarto ano consecutivo a fase de ascenso a LEB Prata.

-¿Que supón para vostede afrontar unha nova temporada co CB Chantada na liga EBA?

- Un novo reto, porque cada ano é máis esixente. Temos menos orzamento pero a mesma ilusión. Unha campaña máis, toca reinventarse con caras novas.

-¿ Como encara o equipo a súa decimonovena campaña na EBA?

- Ilusión é a palabra. Se este equipo transmite algo é ilusión e máxima entrega.

-¿Está satisfeito coa composición da plantilla?

-Sempre é mellorable. Os adestradores somos inconformistas por natureza. Estou moi contento cos que xa estaban e expectante por ver competir aos que chegan. Dentro das nosas posibilidades económicas temos o mellor plantel posible. Contamos cunha base de oito xogadores que levan anos xogando xuntos. Iso facilita o traballo e crea ao mesmo tempo un sentimento de pertenza, que é moi importante.

-¿Esperaba que algún dos xogadores que se marchou a finais da pasada temporada seguira?

-Non. Sempre tivemos claro que polo seu rendemento ningún dos catro xogadores que nos deixaron continuarían connosco.

-¿Como influirá a marcha de David Guerra?

-Esperemos que como o ano pasado.O grupo está por enriba das

individualidades. Neste equipo ninguén é imprescindible. A marcha de xogadores importantes nunca foi determinante para este club.

-¿Terán substituto para o partido do sábado en Culleredo?

- Neste momento non me preocupa. Non poño o foco de atención sobre iso. Incorporaremos un novo xogador pero con garantías. Non caeremos en pánico.

-¿Onde está o segredo de que un dos clubs co orzamento máis baixo da categoría leve tres fases de ascenso seguidas e logre reinventarse cada ano con xogadores de calidade?

- No coñecemento da categoría e a experiencia que nos dan estes 18 anos na liga EBA. Despois, está o traballo diario e buscar sempre que o talento deportivo do xogador estea en consonancia coa calidade humana.

-¿Era clave a continuidade de Filip neste proxecto?

-Filip é moi importante polos valores que transmite ao grupo. Non son só as súas aptitudes deportivas, hai moitos intanxibles tanto dentro como fóra da pista que o fan especial. Quén o coñeza saberá do que estou a falar, estou

seguro.

-¿Cal é o obxectivo da temporada que comeza o sábado?

-O principal obxectivo como o de todos os anos é a permanencia. Unha vez acadada a permanencia non renunciamos a nada. Seremos ambiciosos.

-¿Haberá cuarta fase de ascenso a LEB Prata seguida?

- Complicado falar a estas alturas de fase de ascenso. O resto de equipos invisten cada vez máis diñeiro en reforzar os seus planteis e estruturas deportivas. Estamos a falar de grandes cidades, como Xixón, Ávila, Salamanca e

León. Cada ano é e será máis difícil disputala.

-¿Coida que as institucións e a afección valoran realmente o que está facendo este equipo?

- O que realmente entende de baloncesto si, pero os éxitos dos últimos anos están facendo perder a perspectiva da realidade. O triunfo vese como algo cotián, ata normal, pero todos os que acoden ao pavillón sábado tras sábado saben o que sufrimos para conseguilos.

-¿Que novidades presenta a competición esta temporada?

-Basicamente a confección dos equipos, que teñen moita máis profundidade de banquillo. Ademais, entran novos equipos na liga, entre os que destacan dous descendidos da LEB Prata e un filial da ACB.

-¿Que equipos estarán arriba?

-Por orzamento e estrutura Ávila, Aquimisa Carbajosa Salamanca e Xixón terían que estar arriba, pero logo sempre aparece algunha sorpresa.

-Vailles a copa, ¿que supón a conquista da terceira na historia do CB Chantada?

- A copa refórzanos no noso traballo diario, tanto ao grupo deportivo como a esa xente que traballa na sombra para que este soño continúe. É un chute anímico para esa afección, que non dubida en encher un autobús para

desprazarse a Porriño para estar connosco.

-¿Onde estará a clave para facer unha boa temporada no grupo A-B da liga EBA?

- En que sexamos fieis a eses valores do esforzo, concentración,

xenerosidade, compromiso, ilusión, e que nos respecten as lesións, que é un aspecto importante no deporte.

-¿Que lle aporta cada un dos seus xogadores ao equipo?

-Ao final son nomes de xogadores que aman este deporte, que non xogan por diñeiro. Non entro a valoralos individualmente porque onde realmente está a forza deste grupo é nos valores que tratamos de manter e transmitir de forma transversal á bancada. Buscamos esa conexión emocional, e estámolo conseguindo

-¿Cal será o sinal de identidade do CB Chantada?

- A defensa sempre foi e será o noso sinal de identidade. Crear a partir do traballo defensivo foi o noso obxectivo. Controlar os aspectos que non dependen do acerto, aí é onde entran os valores dos que falamos antes. Xerar confianza dende as pequenas cousas que podemos controlar.