«As minas romanas do Courel foron localizadas grazas aos veciños»

francisco abo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Felipe Arias formou parte do equipo que relizou as primeiras investigacións arqueolóxicas na Serra do Courel en 1977
Felipe Arias formou parte do equipo que relizou as primeiras investigacións arqueolóxicas na Serra do Courel en 1977 Álvaro Ballesteros

Felipe Arias di que tradición oral foi clave para descubrir o patrimonio arqueolóxico da serra

29 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O arqueólogo lucense Felipe Arias Vilas, antigo director xeral do Patrimonio Cultural, tomou parte nun seminario sobre o patrimonio arqueolóxico da Serra do Courel que se celebrou entre o vernes e o sábado na estación científica de Seoane. Na súa intervención, Arias falou onte da importancia que tivo a tradición oral na primeira campaña arqueolóxica levada a cabo neste territorio, na que el participou en 1977. O seminario foi organizado pola Universidade de Santiago co apoio da Deputación e da asociación Serra do Courel.

-Os que participaron nesa campaña, que idea tiñan acerca do tipo de xacementos arqueolóxicos que podían encontrar?

-En principio o que se buscaba eran antigas minas de cobre que por diversos indicios se supoñía que podían existir na serra. Nesa época, os investigadores non coñecían a existencia de minas de ouro romanas no Courel, porque non se fixera aínda ningún estudo nin se publicara nada a ese respecto.

-Como se localizaron esas antigas minas?

-Soubemos que podía haber xacementos desa clase estudando sobre todo o que entón se chamaba folclore arqueolóxico e que hoxe se denomina patrimonio inmaterial ou intanxible. Ou sexa, preguntando aos veciños acerca das tradicións orais. Neste tipo de investigacións, ademais de facer prospeccións arqueolóxicas sobre o terreo, sempre hai que falar cos veciños e reflectir sobre as informacións que nos proporcionan. Iso pode ser moi útil para coñecer a estrutura social e a mentalidade da poboación, pero tamén pode dar aos investigadores pistas importantes sobre a localización real dos xacementos arqueolóxicos, que foi o que sucedeu neste caso.

-Que contaban os veciños?

-Falamos con xente de todas as idades e foi moi sorprendente comprobar que a maioría dos nosos informantes eran conscientes de que os romanos explotaran minas de ouro na serra, cando iso era algo que por entón descoñecían incluso os especialistas. É moi curioso que a tradición oral conservase dunha maneira tan fiel a memoria de cousas que sucederan nun pasado tan distante, desde o século III despois de Cristo. Entre as cousas que nos contaron os veciños tamén había outras que claramente eran de carácter lendario ou inventado, nalgún caso de carácter culto ou semiculto. Por exemplo, un veciño díxonos que no monte Cido viviran os fenicios, algo que non ten ningunha base arqueolóxica real. Pero a importancia das minas de ouro romanas era algo que estaba asumido por todo tipo de persoas, desde os maiores ata os rapaces.

-Cales foron os principais xacementos que se puideron localizar grazas aos veciños?

-Praticamente todos os lugares de interese arqueolóxico que se encontraron nesa campaña foron localizados seguindo as indicacións que nos proporcionaron os veciños. Moitos informantes, curiosamente, tamén eran conscientes de que nos xacementos arqueolóxicos había varios niveis de ocupación, é dicir, que o territorio fora ocupado por outras poboacións máis antigas antes dos romanos. As súas indicacións non só axudaron a localizar lugares de valor arqueolóxico, senón que tamén nos deron pistas sobre a posible cronoloxía deses xacementos.

-Houbo problemas para distinguir a realidade das lendas?

-Naturalmente, durante estas enquisas, os veciños tamén nos contaron algunhas das lendas tradicionais acerca dos mouros que se conservan en toda Galicia, pero moitos deles sabían distinguir perfectamente esas lendas da realidade histórica. Non confundían os mouros míticos das lendas cos moros históricos da Reconquista ou da Guerra Civil. A estes últimos chámabanos así, en castelán. Cando falaban das minas de ouro falaban claramente de romanos e non lles atribuían esas antigas explotacións mineiras aos mouros mitolóxicos.

«A xente non atribuía as antigas explotacións

aos míticos mouros das lendas»

«A creación do xeoparque é unha medida positiva e é de esperar que sirva para algo»

Felipe Arias espera que nun futuro máis ou menos próximo se leven a cabo novas investigacións arqueolóxicas na Serra do Courel.

-A pesar da importancia das descubertas feitas nos anos 70, desde entón non se fixeron moitas campañas arqueolóxicas neste territorio.

-Fixéronse algunhas investigacións interesantes, pero está por facer un estudo exhaustivo do patrimonio arqueolóxico da serra, porque é moitísimo o que queda por investigar. Hai que esperar que se sigan facendo prospeccións e escavacións e tamén é necesario poñer en valor ese patrimonio arqueolóxico, aínda que esa expresión non me gusta. E hai que facer todo iso dun xeito sostible e responsable. Como en moitos outros lugares, non hai que limitarse a publicar guías de castros que non teñan utilidade máis que para os buscadores furtivos, senón planificar e levar a cabo actuacións concretas que supoñan un beneficio para a sociedade. Claro que para iso é necesario realizar investimentos.

-Cre que a creación do xeoparque Montañas do Courel pode estimular a investigación arqueolóxica neste territorio?

-É unha iniciativa moi positiva, como o museo da minería romana que están construíndo en Ribas de Sil, e é de esperar que sirva para algo. Pero como en todas as figuras de conservación ou de difusión do patrimonio, creo que tamén é especialmente importante que se desenvolvan normativas e medidas efectivas de protección. É certo que a sensibilización social sobre o patrimonio cultural medrou moito nos últimos anos, pero seguimos vendo cousas como repoboacións recentes de piñeiros encima dunhas mámoas. Está moi ben crear un xeoparque ou declarar un territorio reserva da biosfera ou patrimonio da humanidade, pero se o territorio non se coida realmente esas iniciativas non servirán de moito.