«A pobreza xerada pola crise non desaparece, fíxose crónica»


monforte / la voz

Antón Negro é delegado episcopal en Cáritas de Lugo. De primeiras sorpréndese ao escoitar que hai non poucos municipios coa metade ou perto da metade da población menor de idade está en risco de caer na pobreza, pero despois de pensalo un pouco conclúe que non hai tanto de que estrañarse. Parécelle unha consecuencia combinada da crise económica do 2008 coa desaparición do modelo económico rural.

-Son datos moi alarmantes.

-E de primeiras sorprenden, pero en realidade non debían sorprender tanto. Son porcentaxes altísimas e moi alarmantes, pero teñen explicacións.

-Cales son esas explicacións?

-Eu penso que no conxunto da provincia de Lugo unha parte importante do problema é de quebra do modelo social. A vida rural, a economía que a sostiña, desapareceu. Recordo un estudo que fixo Cáritas no ano 2005 que comparaba cifras de población menor de 18 anos dese ano coa que había no 1985, e a caída era espectacular. Creo recordar que en Quiroga baixaba de dous mil e pico a pouco máis de oitocentos. Só hai que ver como están hoxe os colexios dos municipios máis rurais, con menos de cincuenta rapaces en moitos casos. Iso ten que ter consecuencias. Cando quebra un modelo social, que na maior parte do territorio da provincia de Lugo estaba vinculado á actividade agraria e gandeira, iso repercute en todo.

-E entón aínda non nos recuperamos da crise do 2008?

-Eu penso que a situación no fundamental non mellorou desde aquela. Polo menos, non para a xente que naquel momento caeu na pobreza. O que sucedeu con eles é que esa pobreza non desaparece, senón que se fixo crónica. E iso é compatible con eses datos que se souberon hai uns días sobre o que aumentou o número de millonarios en España. Hai máis millonarios, pero os salarios máis baixos non recuperaron os niveis previos ao 2008. Se dez anos despois non recuperaches o nivel salarial, iso quere dicir que a situación se fixo crónica. Podes paliar a situación facendo que algúns saian, pero o sistema económico fai que outros caian.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A pobreza xerada pola crise non desaparece, fíxose crónica»