O fedor que sacude as pituitarias, pero non as conciencias


os medios de comunicación fannos sabedores cada vez con máis frecuencia de casos de persoas maiores atopadas mortas nas súas vivendas despois dunha, dúas, tres semanas. Só un dos nosos sentidos dá a voz de alarma, o olfacto cando o cheiro é insoportable.

Na Europa decimonónica o eurocentrismo da época daba por suposto que os habitantes dos territorios das colonias eran «subhumanos» necesitados de tutelaxe. Terían que ser uns científicos sociais recén nados, os antropólogos, quen aos poucos fosen descubrindo as particularidades destas culturas, demostrando que nin eran salvaxes, nin primitivos. E moito menos subhumanos, senón simplemente diferentes. Antropólogos como M. Fortes, E. Evans- Pritchard ou Max Glukman traballaron para coñecer empiricamente esas peculiaridades. Ente o que descobriron, foi a importancia do trato cos anciáns, que exercían como xefes, reis, chamáns, integrantes de consellos de sabios ou como simples portadores de experiencia e sabedoría para xeracións vindeiras. Un dos rasgos máis importante quizais fora a cohesión social que as súas figuras representaban na pervivencia do continuum.

Cando nosos pais, avós e avoas de posguerra tiñan que emigrar fuxindo da miseria coas «catro regras» e «dúas braguiñas novas» (cóntame miña mai), na estación de París-Lyon cunha dirección nun papel e todo o medo do mundo ante o que se abría ante eles sen coñecer o idioma nin por que o destino os puxera alí, traballaron arreo para que a miseria dos que quedaban fose menos miseria. Unha auténtica xeración de heroes.

E agora que atopan? Unha sociedad estratificada altamente individualizada e sen tempo. Parecemos aqueles homes de gris que tan ben describía Michael Ende na súa distopía Momo, desfacéndonos de todo o inservible e para os que os maiores pasaron a ser un lastre condeados ao ostracismo. Acuñamos un novo concepto de cultura, a cultura da tristeza o esquecemento e a indiferencia.

Nun pasado non moi lonxano eramos tan «subhumanos» como as sociedades que rapiñaban os colonialistas decimonónicos. En Galicia había o «mellorado» aquel fillo que recibía a maior parte do heredable cunha regra tácita e sanadora: coidar dos pais ata a súa partida. A sangría demográfica rural roubounos á xente e de paso os valores, a transmisión oral e unha cultura popular identiraria étnico-telúrica que nos facía humanos e pobo.

Que nos esperará a nós, no mellor dos casos unha residencia pegando macarróns contra un folio branco mentres cheiramos o pegamento xa que o olfacto teremolo moi agudizado, mentres maldicimos a nosa sorte por non ter nado o bastante subhumanos para ser humanos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
28 votos
Comentarios

O fedor que sacude as pituitarias, pero non as conciencias