Brais Currás: «A minería romana intensificou o cultivo da castaña na Serra do Courel»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Brais Currás traballa na Universidade de Coimbra
Brais Currás traballa na Universidade de Coimbra CEDIDA

O arqueólogo moañés, profesor da Universidade de Coimbra, participará nun seminario sobre o patrimonio da Antigüidade na estación científica de Seoane

28 ago 2019 . Actualizado a las 08:27 h.

O arqueólogo Brais Currás Refojos, profesor da Universidade de Coimbra, abrirá o 27 de setembro un seminario sobre o patrimonio cultural castrexo e romano da Serra do Courel que se celebrará na estación científica de Seoane. A súa intervención -a partir das 19.00 horas- tratará sobre a minería romana do ouro e será ofrecida conxuntamente con Francisco Javier Sánchez-Palencia, investigador titular do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e pioneiro na investigación deste patrimonio arqueolóxico.

-¿Sábese cando comezaron a ser explotadas as minas de ouro romanas do Courel?

-Non temos datos directos que nos permitan sabelo, pero por comparación con outras explotacións, como as de Las Médulas, Asturias e Portugal, estímase que puideron comezar en torno ao primeiro cuarto do século I antes de Cristo. No século III da nosa era esta actividade xa estaba abandonada, non só no Courel senón en todo o noroeste ibérico.

-¿Que transformacións supuxo esta actividade mineira para a sociedade da época?

-Foi unha transformación moi profunda que cambiou totalmente o modo de vida da sociedade indíxena. Antes de que se explotasen estas minas, os indíxenas galaicos vivían en comunidades campesiñas formadas por unhas cen ou 150 persoas como moito. As súas poboacións eran pequenos castros que producían todo o necesario para a súa subsistencia e non pagaban impostos a ninguén. Non era unha economía precaria, porque tiñan capacidade para producir por enriba das súas necesidades, pero non o facían. Bateaban os ríos e explotaban os metais, pero a unha escala moi pequena. Todo iso mudo coa romanización, porque esas comunidades quedaron integradas nunha estrutura estatal e pasaron a pertencer a unha civitas ou comunidade definida por Roma, que lles impuxo un sistema tributario. Tiveron que pagar os impostos en forma de traballo, ou sexa, traballando nas minas, na construción da rede de canais asociada a esas explotacións e na prospección de novas zonas mineiras.

-¿Pódese considerar como un réxime escravista?

-Non, porque nesa sociedade non había escravos, pero os indíxenas non eran totalmente libres porque estaban obrigados a pagar os tributos ao Imperio romano co seu traballo nas explotacións mineiras. Non tiñan a cidadanía romana plena e eran o que se coñecía como peregrini ou peregrinos, é dicir, suxeitos libres do imperio cun estatus social inferior ao dos cidadáns romanos propiamente ditos. Os peregrinos pasaron a ter cidadanía romana plena no século III, durante o reinado do emperador Caracalla.

-¿Como influiu a minería na organización territorial?

-Foi unha influencia moi forte, porque Roma desprazou comunidades e fundou novos castros nas zonas menos poboadas que estaban próximas ás minas. Iso foi o que sucedeu, por exemplo, en torno ás minas da Toca e Torubio, no Courel. Os cambios afectaron incluso á vexetación, xa que nesa época hai un incremento da deforestación que está relacionado coa minería. Nesa época tamén se rexistra unha extensión moi importante do cultivo da castaña. Aínda que ás veces se di que foron os romanos os que introduciron os castiñeiros en Galicia, iso non é certo, porque xa existían con anterioridade neste territorio. O que houbo a partir de aí foi un cultivo sistemático dos castiñeiros para producir alimento e madeira para as comunidades mineiras. Iso é algo que aínda vemos claramente hoxe na importancia que seguen tendo os grandes soutos da Serra do Courel.

«A investigación de minas como a da Toca son todo un fito na historiografía»

O estudo das antigas minas de ouro do sur lucense, apunta Brais Currás, ten un peso considerable no conxunto das investigacións sobre a minería antiga.

-¿Que importancia ten este patrimonio mineiro no contexto da península Ibérica?

-Hai que sinalar que os traballos que fixeron Sánchez-Palencia e outros investigadores a finais da década de 1970 na Serra do Courel son todo un fito na historiografía da minería romana non só na península senón en todo o imperio. Sería unha esaxeración dicir que foron os primeiros de todos, porque nesa época tamén se fixeron estudos importantes en lugares como a universidade francesa de Toulouse. Pero están entre os primeiros investigadores que confirmaron sobre o terreo moitos datos sobre a minería romana que se coñecían unicamente polas fontes escritas, por autores clásicos como Plinio. Os debuxos que fixo Sánchez-Palencia da mina da Toca están entre os primeiros estudos sistemáticos feitos neste campo.

-¿E que peso tiña a produción local de ouro no conxunto do Imperio romano?

-As explotacións da comarca de Quiroga hai que encadralas nun conxunto máis amplo que inclúe tamén as minas de ouro de León e Asturias. Desde esta perspectiva, pódese dicir que o noroeste ibérico concentrou as explotacións auríferas máis importantes do imperio. Houbo tamén moita actividade mineira en Dacia, na actual Rumanía, pero as minas do cuadrante noroeste da península tiñan maior peso.