«O obxectivo do Club Lemos será competir en todos os partidos»

LEMOS

CARLOS CORTES

O técnico afirma que conta cun plantel con garantías para afrontar a Preferente Autonómica

14 ago 2019 . Actualizado a las 18:38 h.

Chegou o día D para o Club Lemos. O equipo disputa esta tarde (19.00 horas) diante do CD Barco, conxunto de Terceira División, o trofeo das Festas Patronais, un partido que servirá para ver en que estado se atopa o equipo a dez días do inicio da liga. O adestrador, Edu Rodríguez, analiza o plantel, as perspectivas de cara ao campionato e o seu futuro

-¿En que situación se atopa o equipo?

-Continúa asimilando conceptos, nunha boa dinámica de traballo e con confianza para todo o que vén. Espero que hoxe podamos ver o Lemos da liga, é dicir, un equipo atrevido e máis fiel que nunca á súa idea futbolística.

-¿Asemellarase o once que salte hoxe ante o CD Barco ao que xogará en Dubra?

-Si, pode asemellarse moito, pero non serán os once futbolistas que saian ao campo en Dubra.

-¿Está satiefeito coa confección do plantel?

-Si, porque o responsable de confeccionalo son eu. Se non estivese contento, entón o meu labor non tería sido bo. Estou máis que satisfeito con este equipo, porque mantivemos a columna vertebral dos últimos anos e reforzámonos con futbolistas que lle dan un salto de calidade ao plantel.

-¿É un Lemos con garantías para a Preferente Autonómica?

-Non teño ningunha dúbida. Este Lemos competirá en todos os partidos. Quero que a xente vexa sempre a mesma forma de trasladar o fútbol. É verdade que nalgúns partidos haberá variantes, pero a filosofía é innegociable.

-¿É un reto para vostede competir na Preferente?

-É un reto bonito e apaixoante. Ás veces esquecémonos moi pronto da situación que atravesaba esta entidade cando chegamos. O mérito de todos é enorme, pero sobre todo o do presidente e da súa directiva. Para min isto é a miña profesión, pero para o presi non, e foi valente ao meterse nun club que ía á deriva. e foi capaz de darlle sentido. Monforte ten que mostrarlle respecto a el, a toda a directiva e aos futbolistas polo que fixeron. Eu cobro polo meu traballo, pero os directivos perden diñeiro.

-¿Como ve a Preferente?

-Será moi igualada. É verdade que hai 5 ou 6 equipos que a priori están por enriba dos demais, pero o resto estaremos moi igualados. Será unha Preferente competitiva, porque son varios os clubs que se reforzaron a base de talonario, fichando a xogadores de Segunda A.

-Polo que se ve nos adestramentos, este Lemos circula máis rápido o balón que o ano pasado.

-Gústame que os meus equipos lle impriman un ritmo alto á circulación de balón, pero tamén é importante que dominemos outros rexistros, como por exemplo cando non temos a pelota. Hoxe pasaranos contra o Barco e temos que ser capaces de responder a estas situacións.

-¿Cal é o obxectivo da vindeira temporada?

-Competir en todos os partidos ata onde nos leve o campionato e así consolidar ao equipo na Preferente.

-¿Está ledo coa pretemporada?

-As sensacións son boas. Os futbolistas están traballando ben. Eu son demasiado esixente. Estamos facendo moitas cousas ben e noutras temos que mellorar. Imos polo bo camiño.

«O día que me vaia serei un lemista máis»

Rodríguez amosa en cada adestramento a súa profesionalidade. É o primeiro en chegar -faino as seis e media da tarde- e un dos últimos en marchar.

-O seu método de traballo sorprende a moitos afeccionados.

-Sorpréndeme que os sorprenda a eles. Aquí non están acostumados a ver isto. A min gústame facer as cousas ben, e se me comprometo a algo, cumprirei ao máximo. É a miña forma de traballar.

-Vostede vai cumprir 26 anos, ¿como é posible adestrar a futbolistas da mesma idade ou maiores?

-Non hai segredos. A clave está en ser xustos e que o xogador crea en ti. No Lemos teño futbolistas que son amigos meus, pero hai que saber diferenciar unha cousa da outra, porque se non haberá problemas.

-Moitos afeccionados ven en vostede unha persoa distante.

-Cada un ten a súa personalidade. Eu non son a mesma persoa con xente cercana a min coa que non é. Con respecto aos futbolistas, sempre que respecten a miña forma de traballar non haberá problemas.

-¿Quédalle moito no Lemos?

-Non o sei. Cheguei aquí sen sentir o que era o Lemos, pero o día que me vaia serei un afeccionado máis deste club, é dicir, un lemista de corazón.

-Vive por e para o fútbol.

-Intento ver moito fútbol, porque é a miña profesión. Nun futuro gustaríame adestrar o máis arriba posible, é a miña ilusión. Paso moitas horas diante do portátil.

-¿Que mensaxe lle transmite á afección?

-Que gocen co equipo e que nos apoien nos momentos difíciles da temporada.

O técnico analiza as novas fichaxes

O técnico está satisfeito coa confección do plantel. Rodríguez destaca a calidade dos reforzos que chegaron. A intención inicial do adestrador era contar cun plantel de 20 futbolistas, pero finalmente serán 19. Neste sentido, Edu Rodríguez indica que a responsabilidade de que non se chegue á cifra que pretendía é del. «O responsable de que non podamos ter 20 xogadores son eu, porque a directiva asignoume unha cantidade do orzamento para confeccionar o plantel, e eu fíxeno. Eles non teñen a culpa de que só estean 19. Quero que quede claro», comenta.

Edu Rodríguez analiza minuciosamente as características de cada un dos novos reforzos e subliña o que pode aportar cada un deles.

Ramón Rodríguez. «É un porteiro que lle vai aportar moito liderazgo ao equipo. Ten moita experiencia a pesar da súa xuventude. Conceptualmente, sabe o que ten que facer en cada momento tanto no apartado defensivo como ofensivo. Dálle un salto competitivo ao equipo e con Arturo forman unha boa parella de porteiros».

Adrián Ramos. «É un central con moita experiencia. Foi o segundo capitán do CD Barco e estivo tres temporadas na Terceira División. Ten que ir collendo os automatismos do noso equipo. Vainos dar moito e tamén lle da un salto de calidade ao plantel».

Borja Tazos. «É o perfil de lateral ofensivo que me gusta a min. Estamos falando dun futbolista con experiencia na categoría, moi ben dotado tecnicamente e que nos vai aportar moito ofensivamente. Xa coñece o Lemos, porque aquí xa estivo noutras etapas».

Sergio Poio. «Foi a última incorporación que realizamos. É un futbolista que nos aportará desborde, pegada e moita velocidade. Xa me sorprendeu positivamente no primeiro adestramento que fixo con nós».

César Rodríguez. «É un futbolista na que temos postas moitas esperanzas. Non chegou na mellor forma pero xa está ben. É o 9 que me gusta a min, que xoga ben entre liñas e capaz de ir ao espazo e gañar en velocidade».