«O 26 se setembro o Club Lemos xógase parte da súa subsistencia»

O tesoureiro, José Luis Campos,  fai referencia ao xuizo polo que o expresidente reclama 45.000 euros e analiza a situación económica do club


A directiva do Club Lemos traballa na busca de recursos para cubrir un orzamento que se sitúa en torno aos 70.000 euros para a temporada que comezará en once días. O tesoureiro da entidade, José Luis Campos, analiza a situación económica, que cualifica de «aceptable», e espera unha boa resposta por parte da masa social. Entende que contar con 500 socios sería o axeitado para afrontar con certa solvencia a campaña.

-¿Como está sendo a resposta dos socios e das empresas de cara á vindeira temporada?

-Teño que dicir que hai unha boa sintonía entre os socios e a directiva, porque entenden que estar noutra categoría supón incrementar os gastos, polo que teñen boa disposición en retirar o carné a pesar da subida de 20 euros. Polo que respecta ás empresas, estamos moi ledos, porque ás que fomos déronnos máis diñeiro que o ano pasado.

-¿Teme que haxa socios que se dean de baixa polo feito de que o prezo do carné sexa de 70 euros?

-Nestes intres non tivemos ningunha baixa. É verdade que aínda estamos comezando a pasalos. Temos que explicar moito esta subida a 70 euros, pero é o resultado da aprobación por parte da asemblea dunha proposta que fixo un socio. A nosa idea era poñer o carné en 60. O incremento era necesario, porque os gastos aumentan. A maior parte do orzamento vaise na confección do plantel. A primeira temporada adicamos 24.000 euros a este concepto, a campaña pasada foron 35.000 e este ano destinamos 50.000 euros. Aí está a explicación da subida do prezo do carné.

-O ano pasado cobraron 369 socios, ¿cal é o obxectivo para esta temporada?

-O obxectivo é chegar aos 500 socios. Se queremos asentar o equipo na Preferente e incluso pensar a longo prazo nunha Terceira División, esa cifra é innegociable. Quero destacar que nestes días houbo novas altas. Concretamente coa presenza de Juan Rodríguez na directiva hai 20 máis.

-¿É viable realmente un Lemos na Terceira División?

-Agora mesmo non, porque primeiro hai que asentalo na Preferente, pero quizais en dúas ou tres temporadas sexa viable.

-¿Cal é a débeda real do club?

-A débeda sitúase nos 18.000 euros, e nestas dúas temporadas baixámola en 37.000 euros.

-¿Que se xoga o Lemos o día 26 de setembro?

-¡Uff! O Lemos xógase unha gran parte da súa subsistencia. Unha sentencia negativa, que faría que houbese que pagarlle os 45.000 euros que reclama o anterior presidente, Antonio Pérez, poñeríanos nunha tesitura moi difícil. Serían os socios os que terían que decidir a folla de ruta. Non obstante, eu son optimista, xa que os nosos servizos xurídicos dánnos posibilidades de éxito, é dicir, dunha sentenza favorable ao Lemos.

-Mañá xógase o trofeo das festas, ¿haberá que pagar entrada?

-Si. Terán que pagala os que non sexan socios ou aqueles que aínda non retirasen o carné. Esta xestión poderán facela na taquilla. O prezo da entrada será de dez euros.

-O adestrador comenta que lle gustaría ter vinte futbolistas no plantel, pero o presidente di que a economía xa non dá para máis, ¿é posible que se poda satisfacer este desexo?

-A economía está forzada ao límite, e non vemos esa necesidade imperiosa de fichar un futbolista máis. Outra cousa é que durante o campionato haxa algunha lesión. Entón, aí estamos para manobrar.

-¿Que sensacións lle transmite o equipo nesta pretemporada?

-Unhas sensacións moi positivas. Dá gusto velos xogar, e estou convencido que estaremos na zona media-alta da táboa clasificatoria. Temos un plantel de moita calidade, na que hai dous futbolistas por posto. Eu pídolle aos socios e aos afeccionados que apoien a estes xogadores durante a temporada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

«O 26 se setembro o Club Lemos xógase parte da súa subsistencia»