«A poboación en xeral non coñece as competencias dos veterinarios»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LEMOS

PALACIOS

Di que hai moitos estudantes interesados no traballo en clínicas e poucos no coidado de grandes animais

11 ago 2019 . Actualizado a las 12:09 h.

Riveira leva case vinte anos traballando no concello da Pastoriza.Nos últimos tempos, ademais, é un dos impulsores do sindicato galego de veterinarios, unha iniciativa coa que se segue a liña xa comezada noutras comunidades autónomas.

-É o veterinario o gran descoñecido da actividade no medio rural para o resto da sociedade?

-Evidentemente, si. A poboación en xeral non ten coñecemento das competencias do veterinario na saúde pública, na dos animais e na das persoas. Nas nosas competencias está o coidado da saúde alimentaria, da saúde animal e da saúde ambiental. Cando hoxe se fala dunha soa saúde, o veterinario ten un papel básico. Non se lle dá importancia ao que supón ter un control sobre os alimentos. Xogamos un papel fundamental, pero non é visible.

-Hai abondos veterinarios para as necesidades actuais?

-En xeral están mal distribuídos. Hai moitos licenciados porque quizais hai demasiadas facultades. España está sobrada delas: ten máis ca Francia ou ca Alemaña. Hai poucos veterinanios de campo en relación cos queren dedicarse ao traballo en clínicas aou ao coidado de pequenos animais, que é ao que se queren orientar moitos dos actuais licenciados. Aí, nos grandes animais, hai escaseza. Canto aos funcionarios, tendo en conta que falamos de cuestións de seguridade alimentaria, tamén hai poucos, e por iso hai cada vez máis tensións sobre escándalos que aparecen

-Como se pode corrixir ese desequlibrio?

-É complicado, porque cada un elixe a súa orientación profesional tras facer a carreira. O que si poderían facer as facultades sería unha maior orientación sobre competencias. Moitos rapaces entran nas facultades tendo en mente o coidado de animais, e estanse esquecendo outros papeis que temos. Na administración deberan facerse dúas vertentes; coidar as competencias veterinarias e non asfixiar tanto en lexislación. Estamos sometidos a grandes controis cando en realidade deberan someter ás grandes industrias. Nese sentido desanímante, porque cada vez é maior a carga burocrática. Parece que estamos sempre sinalados como culpables das cousas que pasan cando, en realidade, queremos que se fagan ben. Por poñer un exemplo, non entendemos que nós debamos ter un control sobre os medicamentos e que ás cooperativas gandeiras se lles permita dispensalos. En Francia hai un sistema no que o veterinario é o responsable da administración dos medicamentos; nós temos a prescrición, pero non sabemos se eses medicamentos, unha vez postos na man da xente, se aplican aos animais afectados. Deberíase incidir sobre a maneira de aplicar eses medicamentos.

-Cambiou o campo nas últimas décadas. Cambiou o seu traballo?

-Depende das zonas. A Pastoriza é unha zona de explotacións intensivas, e os animais teñen un sistema de alimentación propio dese modelo. O noso traballo tamén se modificou: antes facíase unha atención eminentemente clínica, hoxe é máis unha función de asesoramento e de medicina preventiva. Onde non hai zonas eminentemente leiteiras como aquí, non se notou tanto ese cambio.

«Os gandeiros saben que a saúde animal incide na súa economía de maneira directa»

Riveira di que os gandeiros, aínda que persigan o beneficio económico, non esquecen outros aspectos.

?Están os gandeiros concienciados sobre a saúde animal?

?Si. Saben que a saúde incide na súa economía de maneira directa. A medida que se transforma oi campo, cambian as mentalidades e a xestión. Os rapaces que asumen unha explotación familiar saben que a saúde está no centro de todo, que sen saúde non se poden acadar os obxectivos que poñan como prioritarios. Canto ao benestar animal, os conceptos vanse adaptando para ver que ese esforzo ten unhas consecuencias favorables, de maneira que deixan de velo como un esforzo.

«A nosa licenciatura é unha das peor pagadas de España»

Con outros profesionais, que desenvolven o seu labor en distintas comarca, Riveira leva máis dun ano traballando na creación dun sindicato galego do sector.

?É necesaria a creación dun sindicato?

?Si. Creo que é importante termos a capacidade de organización nunha dobre vertente: unha, a mellora das condicións de traballo en clínicas ou en cooperativas; outra, a dimensión social, que temos que recuperar porque comeza a diluírse. Temos conflitos con donos de animais, con colectivos animalistas... Necesitamos unha capacidade de defensa que se acadará co sindicato veterinario. Os colexios profesionais están atados, sobre todo coas presións que se exercen arredor. Creo que se necesita actuar en defensa do papel do veterinario dentro da sociedade. O noso cometido social debe recuperarse e facerse cunha organización que teña lexitimidade fronte á administración.

?Vista dende fóra, quizais se pode ver a súa profesión como un traballo que ofrece altos ingresos. Supoño que hoxe, en realidade, hai de todo.

?Hai precariedade. O de pensar que o veterinario ten grandes ingresos é unha idea moi estendida, pero é unha das licenciaturas peor pagadas en España. Estamos vendo casos en que se cobren baixas por 800 ou 900 euros. Non hai, na maioría dos casos, esa diferenza de doce horas dende que remata unha xornada laboral ata que remata outra. Hai vinculacións con empresas como falsos autónomos... Son situacións que están aí e que se dan pola forma en que se traballa. Unha gran parte dos centros de traballo teñen menos de seis empregados. e aos sindicatos non lles interesa estar aí. Agora estase a negociar o convenio colectivo; pedimos que se nos incorporase á comisión, que se poidan ter eleccións en centros de traballo cun mínimo de catro empregados e que se nos permita facer un seguimento da formación continuada. Por todo iso, creo que necesitamos unha voz propia, porque aos sindicatos non se paran a falar connosco.