«As orixes do monacato da Ribeira Sacra están en Oriente»

O arqueológo Felipe Senén dará unha conferencia en Pantón sobre a cristianización do territorio situado entre o Sil e o Miño


monforte / la voz

O arqueólogo e museólogo Felipe Senén López participará o día 28 nas Xornadas da Ruta do Románico de Pantón cunha conferencia que tratará sobre «Arqueoloxías arredor dos santiños e da cristianización da Ribeira Sacra». A charla será ofrecida no edificio sociocultural de Ferreira a partir das 20.00 horas.

-De que «santiños» vai tratar a súa conferencia?

-Refírome aos santos populares que non foron canonizados pola Igrexa católica, como Vintila, Rosendo ou Froilán, unhas figuras que están moi vinculadas ao proceso de cristianización de Galicia entre finais do Imperio romano e a Alta Idade Media. Estes personaxes están moi ligados ás orixes do monacato na Ribeira Sacra e tamén nas outras «ribeiras sacras» que houbo nese período histórico en Galicia e León, é dicir, os conxuntos de eremitorios e mosteiros que existiron non só nas marxes do Sil e do Miño, senón tamén noutros territorios de características similares, como nas beiras dos ríos Bibei e Mao ou no Val do Silencio.

-Como se orixinaron esas comunidades monásticas?

-As súas orixes hai que buscalas en Oriente, como as de todo o monacato occidental. As primeiras comunidades de eremitas e monxes cristiáns estaban en Exipto, Siria, Anatolia, Antioquía... Eses ermitáns eran coñecidos ás veces como cavernícolas ou dendritas, porque algúns vivían en covas e nos ocos das árbores. Esas antigas comunidades monacais serviron de inspiración para as que aparecerían algo máis tarde en Occidente. Entre elas estiveron naturalmente as da Ribeira Sacra.

-Ata onde chegou a influencia dos antigos monxes na sociedade da época?

-A súa influencia non foi só de tipo espiritual ou litúrxico, porque aqueles antigos monxes contaban cunha formación cultural e humanística moi avanzada para a época. Sabían curar, construír e cultivar, e os seus coñecementos e os seus saberes prácticos tiveron un influxo moi grande no desenvolvemento da sociedade a un nivel que vai moito máis alá do puramente relixioso.

-Que factores influíron para que a Ribeira Sacra chegase a converterse nun centro de monaquismo?

-Polas súas características, é un territorio apropiado para establecer este tipo de comunidades monásticas, que buscaban un certo illamento. Pero por outro lado é unha rexión moi estratéxica, porque está situada arredor da confluencia do Sil e do Miño, que constituían unhas vías de comunicación importantes. Hai que recordar que na época do Imperio romano pasaba por aquí a vía Nova, que unía as cidades de Astorga e Brácara ou Braga, e había tamén unha actividade moi intensa na minería do ouro. É dicir, a Ribeira Sacra foi un territorio importante dentro da antiga Gallaecia, que á súa vez tiña un peso considerable no conxunto de Hispania. Por esta situación estratéxica, a Ribeira Sacra desempeñou un papel de moito relevo na propagación do cristianismo e do monaquismo en Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«As orixes do monacato da Ribeira Sacra están en Oriente»