«O primeiro ano de adaptación xa o teño feito por adiantado»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Héctor Corujo, no centro, con varios integrantes da súa candidatura
Héctor Corujo, no centro, con varios integrantes da súa candidatura CEDIDA

Corujo recuperou para o PP o goberno local despois de dous mandatos consecutivos do PSOE

28 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Héctor Corujo protagoniza o cambio político máis destacado do sur lucense nas eleccións municipais. A candidatura do PP encabezada por el conseguiu imporse no Concello do Incio -por cinco concelleiros contra catro- á da socialista Laura Celeiro, que ocupou a alcaldía nos dous últimos mandatos.

-¿Ata que punto contaba con este resultado?

-Era polo que loitabamos e confiaba en conseguir a alcaldía, aínda que sabiamos que non sería fácil. Ao final lográmolo, aínda que cun resultado algo máis axustado do que esperabamos. Supoño que a nosa candidatura lle pareceu digna de confianza aos veciños e temos que agradecerlles o seu apoio.

-Ao seu xuízo, ¿cales foron os principais problemas dos mandatos do PSOE?

-Penso que os principais inconvenientes foron unha certa lentitude en facer as cousas e o feito que o goberno municipal fixo promesas que non se cumpriron. Por exemplo, está a cuestión do plan xeral de ordenación municipal, que está pendente de ser aprobado hai varios anos. Aínda que se avanzou un pouco nese sentido, o plan segue sen estar aprobado hoxe en día. Por outro lado, prometeron varias veces que se restauraría a Casona do Incio, un edificio da capital municipal que o Concello comprou para darlle un uso público. Dixeron que a Deputación axudaría con 250.000 euros pero por agora non se fixo nada.

-É a primeira vez que se presenta a unhas eleccións e saíu elixido alcalde. ¿Séntese impresionado pola tarefa que lle espera?

-Sempre impresiona enfrontarse cunha responsabilidade como esta por primeira vez, pero teño a vantaxe de que son funcionario municipal e coñezo ben o funcionamento interno dos concellos. Por experiencia propia e polo que teño comentado con compañeiros, sei que os alcaldes novatos pasan polo menos un ano aprendendo como funciona a burocracia municipal. Ese primeiro ano de adaptación xa o teño feito por adiantado. Teño certo medo a defraudar as esperanzas que poden ter os veciños, pero o período de aprendizaxe non me asusta.

-¿Cales serán as súas prioridades de goberno?

-Por un lado, solucionar asuntos pendentes como a aprobación do PXOM. Por outro, facer todo o posible por incentivar a fixación da poboación mediante rebaixas fiscais e outras medidas. Esforzarémonos tamén por fomentar o turismo. Debemos aproveitar a nosa veciñanza coa serra do Courel e a Ribeira Sacra, que hoxe son dous pólos turísticos importantes, e intentar que tamén nos beneficien a nós.