
Brandán Cerviño, veciño de Sober, competirá este mes no festival de Cans coa película «En la boca de la mina», rodada en Cuba
11 may 2019 . Actualizado a las 18:18 h.Brandán Cerviño Abeledo, veciño de Sober, presentará no festival de curtametraxes de Cans -que se celebrará no municipio pontevedrés do Porriño entre os días 22 e 25- o filme En la boca de la mina, rodado en Cuba. O seu autor acabou recentemente de formarse en dirección de documentais na escola internacional de cine de San Antonio de los Baños e tamén realizou no país antillano a curtametraxe Carta a Leningrado, presentada na última edición do festival Curtocircuíto de Santiago. O filme será proxectado o día 25 en dous pases -ás 16.30 e ás 18.00 horas- dentro da sección FuraCans, para obras de non ficción.
-De que trata «En la boca de la mina»?
-É un documental sobre a localidade de El Cobre, no municipio de Santiago de Cuba, onde existiu unha das explotacións mineiras máis antigas de América Latina. A mina foi pechada hai moito tempo e a poboación vive hoxe sobre todo de elaborar e vender imaxes relixiosas. No mesmo lugar está o santuario da Virxe da Caridade, patroa de Cuba. O filme reflicte o modo de vida da poboación, que intenta conservar a través da música e do baile a tradición cultural dos cimarrones, ou sexa, dos escravos rebeldes e fuxidos.
-É a primeira vez que se proxecta en público este filme?
-Será a estrea en España, pero anteriormente xa foi proxectado en Rio de Janeiro e São Paulo dentro do festival É Tudo Verdade. En xuño será proxectado noutro festival brasileiro, neste caso o Olhar de Cinema, en Curitiba.
-Ten algunha relación coa súa anterior obra?
-Son diferentes, porque En la boca de la mina é un documental, mentres que Carta a Leningrado é unha historia de ficción, aínda que foi realizada con técnicas propias do documental. É un xénero híbrido no que quero seguir traballando. Formeime como realizador de documentais, pero intento darlle unha volta ao xénero e ser menos didáctico. Aprendín a desconfiar da obxectividade e penso que por máis que se intente ser próximo á realidade o resultado sempre será unha interpretación subxectiva e creativa. O que me interesa é apropiarme dos mecanismos da ficción para apropiarme da realidade.
-Que cineastas lle serven como referente para os seus filmes?
-En realidade os meus primeiros referentes á hora de idear e planificar un filme son máis literarios que cinematográficos, son obras de novelistas e ensaístas. E tamén de fotógrafos, como o portugués Rui Palha, que me valeu de referente para facer En la boca de la mina. Cando vexo cine non o proceso inmediatamente como unha referencia, pero á hora da realización si que tomo como guía certos elementos que me interesan de determinados filme se realizadores. Na época da escola consumín sobre todo cine latinoamericano e europeo, e non tanto estadounidense, así que as miñas referencias van máis por aí. Interésanme as obras dos documentalistas cubanos dos anos 60, como Nicolás Guillén Landrián, e de realizadores como Tomás Gutiérrez Alea. E tamén autores máis actuais como Natalia Marín, do colectivo Los Hijos.
-Cales son os seus proxectos máis inmediatos?
-Solicitei unhas axudas da Axencia Galega de Industrias Culturais para realizar dúas curtametraxes, un documental e un filme de ficción, pero aínda non sei se as conseguirei. A miña formación desenvolveuse en Latinoamérica e as miñas primeiras curtametraxes foron realizadas en Cuba, e agora o que me interesaría sería facer cousas en Galicia e en galego. Preferentemente na Ribeira Sacra.