«A carreira polo Camiño de Inverno parecía unha loucura condenada ao fracaso, pero conseguiu afianzarse»

f. a. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Fernando Ibarra descansa na praza do Obradoiro de Santiago despois de completar a carreira
Fernando Ibarra descansa na praza do Obradoiro de Santiago despois de completar a carreira CEDIDA

O atleta chantadino Fernando Ibarra destaca a alta participación que se rexistrou na segundo percorrido pola ruta histórica

08 may 2019 . Actualizado a las 20:00 h.

Durante a pasada fin de semana, o atleta chantadino Fernando Ibarra percorreu en 36 horas os 260 quilómetros que hai entre Ponferrada e Santiago na segunda edición do Desafío Camiño de Inverno, promovido pola asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra. Na primeira edición empregou 39 horas nesta mesma carreira.

-¿Que impresión lle deixou a súa nova carreira polo Camiño de Inverno?

-Quedei moi satisfeito en canto á participación, porque desta vez fixen o 100% do traxecto acompañado por persoas que fixeron tramos a pé ou en bicicleta. O ano pasado corrín acompañado durante o 85% ou o 87% do traxecto. E iso que o número de persoas que se presentaron para participar na carreira foi algo menor, porque este ano coincidiu con outras convocatorias como o Trail do Lor e a carreira popular da Barrela.

-¿Esperaba esta resposta cando se presentou o proxecto?

-A verdade é que non, porque parece excesivo pedirlle á xente que saia a correr ás dúas, ás tres ou ás catro da madrugada, ou en pleno mediodía. Parecía unha loucura destinada ao fracaso, pero a carreira conseguiu afianzarse, a participación foi extraordinaria e tamén o seguimento que tivemos. Tanto esta vez como a anterior levamos un GPS para que a nosa situación puidese verse en tempo real a través de Internet. Parece mentira, pero ás tantas da madrugada había xente seguindo a carreira.

-¿Canto tempo dedicou á preparación física?

-Ningún, porque non me foi posible. O ano pasado si que estiven adestrándome antes de facer a carreira, pero esta vez acababa de volver dunha competición moi dura en Inglaterra e non tiven tempo de recuperarme. Foi unha carreira que se organizou por primeira vez e que se levou a cabo nun túnel da Segunda Guerra Mundial que se encontra cerca da cidade de Bath. Participaron 26 corredores de todo o mundo e había que correr sen luz diúrna nun traxecto circular. Nunca pasara antes por unha experiencia tan dura como esa.

-¿Chegou a ter problemas durante a carreira?

-Ao principio non ía moi tranquilo, porque aínda tiña varios nódulos e quistes a causa do esforzo e non sabía o que podía pasar. Pero esta vez tiven máis coidado coa alimentación, non como o ano pasado, que fun sen comer desde Monforte ata Chantada e tiven un par de baixóns. Ao pasar pola serra do Faro había moito vento e frío, pero apertei duro e conseguín superalo.

-¿Está disposto a repetir o desafío o ano próximo?

-Se o volven organizar, estarei encantado de volver facelo. A competición non é algo que me interese moito e o que me gusta realmente é que estas iniciativas teñan algunha utilidade social, neste caso axudar a promocionar o Camiño de Inverno.