Amancio Prada canta hoxe en Monforte ao Camiño de Inverno

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Álvaro Ballesteros

O cantautor participa nos actos do vixésimo aniversario da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

27 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O coñecido cantautor berciano Amancio Prada ofrecerá esta noite na igrexa do Colexio da Compañía de Monforte un concerto que forma parte dos actos conmemorativos do vixésimo aniversario da fundación da asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, que promove o Camiño de Inverno no sur da provincia. A actuación comezará ás 21.00 horas e o prezo das entradas será de cinco euros por persoa. Non haberá venda anticipada e as entradas poderán adquirirse tres cuartos de hora antes do inicio da actuación ata que se complete o aforo, que consta de catrocentas prazas.

No concerto, que se ofrecerá baixo o título de «Cantigas do Camiño de Inverno», Amancio Prada interpretará varios temas compostos por el e baseados en poemas de de Federico García Lorca, do escritor berciano Enrique Gil y Carrasco e do trobador medieval Xoán de Requeixo, autor de varias cantigas que falan da romaría do santuario de Nosa Señora do Faro, en Chantada, cerca do cal pasa o Camiño de Inverno. O concerto foi organizado co apoio da fundación do Colexio da Compañía, da Sociedade de Xestión do Xacobeo e dunha empresa privada.

Actos previos

Antes do concerto de Amancio Prada, a asociación organizadora inaugurará unha exposición que reúne os carteis e folletos que editou durante as dúas décadas que leva en funcionamento. Este acto celebrarase no Centro do Viño da Ribeira Sacra -na rúa Comercio- ás seis e media da tarde. Media hora máis tarde presentarase no mesmo lugar a segunda edición da Guía del Camino de Invierno a Santiago, escrita pola presidenta da asociación, Aida Menéndez. Seguidamente proxectarase un vídeo divulgativo sobre as actividades realizadas por esta entidade para recuperar e promover a ruta histórica. Estes actos contarán coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

A asociación, por outro lado, organizará entre o 13 e 15 de setembro en Monforte un congreso sobre o Camiño de Inverno que comprenderá conferencias, visitas guiadas a elementos do patrimonio cultural e percorridos por varios tramos da ruta.