Antón Lamazares presenta en Lugo «Flor Novoneyra»

LEMOS

O pintor Antón Lamazares con obras da exposición «Flor Novoneyra» en Santiago
O pintor Antón Lamazares con obras da exposición «Flor Novoneyra» en Santiago SANDRA ALONSO

No Museo Provincial inaugúrase o martes unha exposición na que o pintor homenaxea ao poeta do Courel

15 abr 2019 . Actualizado a las 12:25 h.

No Museo Provincial de Lugo será inaugurada este martes -ás 20.0 horas- a exposición «Flor Novoneyra», unha homenaxe plástica do pintor lalinense Antón Lamazares ao poeta do Courel. Segundo explican os responsables do museo, a exposición presenta «unha fusión de pintura e poesía» que toma como eixo condutor o chamado «alfabeto Delfín», un código inspirado no abecedario occidental creado por Lamazares que o pintor bautizou co nome do seu pai e que utilizou para transcribir os versos de Uxío Novoneyra en máis dun centenar de obras.

Con respecto ao conxunto de obras que conforman este proxecto, Lamazares afirma que quere que sexa o seu «testamento pictórico», xa que comparte con Novoneyra a convicción de que «‘inda a terra é nova’ e que todo o importante que temos que dicir xa nolo ten dito ela». A comisaria da exposición, María Díaz Rey -directora da galería lucense About Art-, considera pola súa parte que «supón un diálogo entre pintura e poesía, unha loita contra a extinción da cultura rural en comunión íntima e poética coa Terra».

A exposición compleméntase cunha selección de caligramas ou poemas visuais realizados polo propio Novoneyra e unha serie de retratos do poeta realizados por coñecidos artistas como Laxeiro, Tino Grandío, Tavera e Llorente. Así mesmo, inclúe unha sección sonora con gravacións da voz de Novoneyra recitando os seus poemas e unha mostra de edicións dos seus libros.