«As mulleres discapacitadas corren moito máis risco de sufrir abusos»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

FRANCISCO ALBO

Silva presentou en Monforte unha guía sobre a violencia sexual contra adultas e nenas con discapacidade

22 mar 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

O instituto Río Cabe de Monforte é un dos lugares escollidos para presentar a guía Violencia sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade, editada pola Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (Acadar) e financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Ministerio de Presidencia. A psicóloga e sexóloga Melisa Silva encargouse onte da presentación, xunto coa artista Mónica Mura.

-¿Cal é o obxectivo desta guía?

-Esta publicación dá continuidade a outra que apareceu no 2015, dedicada aos diferentes tipos de violencia que sufren as mulleres e nenas discapacitadas. Esta nova guía céntrase especificamente na violencia sexual e explica como recoñecer os síntomas nas vítimas destes abusos. Tamén indica os recursos aos que poden acceder as persoas que padecen estas situacións. Pode obterse gratuitamente na páxina web da nosa asociación, no enderezo acadar.org.

-¿De onde se obtivo a información para elaborar a publicación?

-En boa parte de casos reais de mulleres e nenas con discapacidade que sufriron violencia sexual e coas que se contactou partindo de denuncias presentadas nos últimos cinco anos. Utilizouse tamén información e documentación achegada por diferentes especialistas, como psicólogos e sexólogos.

-¿En que medida sufren este tipo de violencia as mulleres e nenas con discapacidade?

-Estudos feitos por especialistas como Félix López, psicólogo da Universidad de Salamanca, indican que en conxunto teñen catro veces máis posibilidades de sufrir estes problemas que o resto das mulleres e nenas. Hai que ter en conta que as denuncias só representan unha pequena parte dos casos que poden producirse realmente. Existe por outro lado o problema da sobreprotección, é dicir, que estas persoas viven moitas veces ailladas do seu entorno e non son educadas na sexualidade, polo que incluso pode ter dificultades para recoñecer cando están sufrindo agresións sexuais.

-¿Por que se decidiu presentar esta obra nos institutos?

-Porque os estudantes destes centros están nunha idade apropiada para adquirir concienciación destes problemas e porque poden formarse para ser motores dun cambio, o que non sempre sucede en idades máis avanzadas. As presentacións son acompañadas de exposicións artísticas e de actuacións de Mónica Mura coa fin de facelas máis atractivas e asimilables. Anteriormente a guía foi presentada en institutos de Lalín e Ourense e o día 29 haberá outra presentación en Santiago. Os centros foron seleccionados polo feito de que participan no programa «Por 365 días de respecto e igualdade», promovido pola Xunta. Isto significa que xa estaban realizando anteriormente diversas actuacións relacionadas coa promoción da igualdade.