Unha triunfal fonte luminosa que hoxe está apagada

Rodrigo Fernández
ROI FERNÁNDEZ CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

O aspecto actual do muro de contención do encoro de Belesar contrasta fortemente co que mostraba hai décadas nas postais

16 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende incluso antes de ser inaugurado, debido á magnitude do seu muro de contención, o encoro de Belesar foi a imaxe de modernidade e dunha transformación da paisaxe nunca vista nas terras de Chantada. Algo similar ao puido supoñer varios séculos atrás a Torre de Arcos. Certo é que a fonte luminosa -o elemento da foto que máis chama a atención- está en territorio do municipio do Saviñao, pero forma parte dunha obra que cambiou a historia chantadina.

Na actualidade son cada vez menos os que a viron cos seus propios ollos esta fonte ornamental no estado que mostra a antiga postal situada á dereita destas liñas, cos seus chorros de auga en pleno funcionamento e con luces subacuáticas acesas. Tamén contrasta coa actualidade a cor clara que presentaba entón o cemento do muro de contención da presa, aínda non colonizado polos liques. Estaban igualmente libres de vexetación os edificios que servían de residencia aos traballadores da presa, tan ben equipados naqueles tempos e hoxe en total estado de abandono. Outras diferenzas entre as imaxes actuais e as de antano están na presenza dos barracóns que albergaron aos obreiros que traballaron na construción do encoro -derribados hai uns vinte anos-, os taludes da subestación en terra e as torretas de liñas de transporte iluminadas.