«Non hai que tratar de sacar lucro empresarial das desgrazas»

Os 117 bombeiros dos parques privados celebran que en maio pasarán a ser persoal público


monforte / la voz

Álvaro Negreira é un dos bombeiros contratados por empresas privadas nos parque contraincendios que xestionan conxuntamente Xunta e Deputación na provincia de Lugo. Delegado de persoal polo sindicato UGT, traballa en Chantada e igual que os seus 116 compañeiros deste parque e dos de Monforte, Sarria, Vilalba, Viveiro y Barreiros pasará a ser empregado público o 4 de maio, cando as empresas Natutecnia e Veicar rematen os contratos de xestión desas instalacións. El e os seus compañeiros levaban anos reivindicando que os parques contraincendios fosen de xestión pública directa.

-Parece que esta vez si, que en maio empeza a xestión pública dos parques de bombeiros.

-Si, pensamos que desta vez vai. Levabamos tempo traballando coa empresa e a mesa intersindical, os pasos dados son firmes, os orzamentos están feitos e os informes xurídicos que avalan o cambio tamén. Xunta e Deputación votaron de maneira unánime no pleno do consorcio provincial contraincendios a favor de rescatar as concesións.

-Non teen que finalmente o consorcio decida prorrogar os contratos?

-Agora mesmo non se contempla esa posibilidade, pero é certo que nos pregos de condicións dos concursos organizados no seu día aparece a opción de prorrogar sete anos máis en períodos de tres anos o do que decida o consorcio.

-A privatización dos parques de bombeiros era cando se produciu unha excepción que só ocorría en Galicia. Segue a selo, ou nestes anos se estendeu a outros lugares?

-Xa daquela había algún parque máis, como o dun parque propiedade da Deputación de Salamanca, que tamén estaba privatizado. Parece que hai un proxecto para facelo tamén en León, pero redes de parques privatizados como as de Galicia non hai ningunha.

-Pensan que o servizo vai mellorar?

-A nós parécenos que vai ser bon para todos. Para a Deputación e a Xunta e tamén para as persoas, porque este ten que ser un servizo público. Non hai que sacar un lucro empresarial das desgrazas.

-Cabe agardar incrementos de persoal?

-Carencias hóuboas sempre, sempre tivemos algún problema de falta de medios humanos. De todos os xeitos, a día de hoxe non se contempla un incremento de persoal. A volta á xestión directa vaise facer nas mesmas condicións e co persoa que hai agora. Pero nós agardamos que o aforro de cartos que vai supor a xestión pública directa permita ir a un servizo con mellor dotacion de persoal. Traballamos tres por garda, a veces catro. É mellorable.

-En que van cambiar as cousas para os traballadores?

-Imos pasar a depender directamente do consorcio como persoal laboral, xa non imos ser traballadores dunha empresa privada. En principio, as nosas condicións laborais van mellorar. Váisenos aplicar o coeficiente redutor para a idade de xubilación, que as empresas privadas non aplican. Iso permite a xubilación aos 60 anos, sempre que un teña traballado o tempo suficiente. Polo demais, nun primeiro momento o pase ao consorcio faise como unha subrogación que contempla as mesmas condicións do convenio colectivo que temos agora en vigor. Despois tocará negociar un novo convenio, pero no básico vai ser similar ao que tiñamos coas empresas. En todo caso, imos mellorar en operatividade e en funcionamento interno. As empresas non están cubrindo as vacantes temporais que se producen por baixas e cabe agardar que o consorcio si as cubra.

-Cobrarán máis?

-Agora mesmo non se contempla ningunha suba salarial. No 2018 aplicóusenos a equiparación salarial cos outros bombeiros de Galicia, que os dos parques privatizados en Lugo eramos os que menos cobrabamos, a pesar de que a Lei de Emerxencias dicía que os salarios teñen que ser homoxéneos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Non hai que tratar de sacar lucro empresarial das desgrazas»