monforte / la voz

As tradicionais comadres fixeron onte aparición en diversas localidades da comarca de Lemos na segunda xornada do carnaval para retratar con humor a actualidade e a vida cotiá. Na residencia de asociación Prodeme, en Monforte, preséntaronse disfrazadas de obreiras para asfaltar laboriosamente un camiño baixo a dirección dunha figura masculina -un feito pouco habitual no Xoves de Comadres- vestida de traxe e gravata que en vez de rostro tiña un sinal de interrogación. Como marcas identificativas levaba pegadas un par de tarxetas cos logotipos do Concello de Monforte e da Deputación, polo que non resultaba difícil imaxinar a quen aludía esta figura. «¡Asfalta algo!», proclamaba un letreiro para non deixar lugar ás dúbidas. A aparatosa escenografía que rodeaba os bonecos comprendía un tractor, una cisterna e unha carretilla.

Na praza do barrio de Carude, tamén en Monforte, as comadres optaron por celebrar unha manifestación feminista exhibindo pancartas reivindicativas con lemas como «O mundo non necesita machistas», «Igualdade de salarios» e «Nós parimos, nós decidimos». Non foi este o único conxunto de comadres do municipio no que se aludía ao cercano día internacional da muller. Na capela de San Lázaro, outro grupo de figuras animaba alegremente a lanzar zapatillas contra o patriarcado. Para iso incluso utilizaban un dron do que colgaba unha peza de calzado.

Contra a couza guatemalteca

Na rúa Benito Vicetto, as comadres non loitaban contra o machismo, senón contra a praga da couza guatemalteca que se propaga por Galicia desde o 2015, xunto a un campo plantado de patacas. Alleas as estas preocupacións, na rúa Doutor Casares, dúas comadres tomaban tranquilamente o sol -moi en concordancia con tempo anticiclónico que reina actualmente no sur lucense- e preguntábanse en que parte de Monforte poderían encontrar unha praia.

Na parroquia de Ribas Altas, precisamente, as comadres propugnaban a creación dunha praia fluvial no Cabe -cualificándoa como «a mellor elección»- nunha complicada montaxe que aludía ao mesmo tempo aos próximos comicios municipais e ao programa televisivo Got Talent. No barrio de Rioseco, as compadres representaron humorísticamente o mercado dominical do Parque dos Condes poñendo á venda toda clase de artigos de segunda man. «Pasando, pasando, sen ordenanza o mercadillo segue funcionando», rezaba unha pancarta que presidía o conxunto.

Na escaleira de entrada do edicio multiusos -onde a semana pasada estivo presente Nicolás Maduro en forma de compadre- puido verse unha comadre que representaba á alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, sentada nunha cadeira de rodas para solidarizarse coas asociacións que traballan pola integración social dos discapacitados físicos. «Auxilia somos todos», proclamaba mediante un cartel. A poucos pasos dela, outra comadre homenaxeou a Rosalía de Castro, de cuxo nacemento se celebrou o 182 aniversario hai poucos días.

Outra comadre escritora deixouse ver xunto á porta do Centro do Viño da Ribeira Sacra. Nesta caso tratábase da coñecida autora navarra Dolores Redondo, que tomaba un viño mentres promocionaba a súa novela Todo esto te daré, ambientada na Ribeira Sacra. A pouca distancia, na praza de España, un grupo de comadres montado pola asociación Albores parodiou a gala dos premios Goya. Mentres tanto, na rúa Cardeal, outras comadres asumían a condición de piratas. «Piratas del Ca-be-ri-be», segundo especificaba un cartel.

En Sober e Pantón

As comadres non faltaron á súa cita anual na praza do Concello de Sober. Ao contrario dos compadres -que satirizaron hai unha semana o proxecto da tirolina do canón do Sil-, deixaron de lado a crítica social e política para representar burlescamente diante da casa consistorial unha voda multitudinaria na que todos os asistentes eran mulleres, excepto o noivo. Ata a oficiante da voda era feminina.

As tradicionais figuras carnavalescas presentáronse igualmente diante do edificio sociocultural de Ferreira de Pantón, representando a varias traballadoras municipais en atitude relaxada. «Rapazas desestresándose despois dunha dura xornada», aclaraba un letreiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Entre asfaltadoras, feministas, piratas e defensoras da pataca