«Este ano queremos promover a turismofilia na Ribeira Sacra»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O día mundial do guía turístico celebrarase por primeira vez no territorio con visitas guiadas gratuítas

20 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Beatriz Pérez Pereira é unha das responsables da empresa Máis que Románico, que mañá celebrará o día mundial do guía turístico ofrecendo visitas guiadas gratuítas a varias igrexas de orixe medieval do Saviñao e Chantada. O percorrido comezará ás 16.30 horas na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño -no Saviñao- e seguirá polas de San Paio de Diomondi e Nogueira de Miño. Os participantes que o desexen poderán facer donativos para a asociación chantadina Recuncho Solidario.

-¿Celebrárase antes esta xornada na Ribeira Sacra?

-Non, este ano é o primeiro que se celebra o día do guía turístico con algunha actividade neste territorio. A Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia celebra cada ano este día ofrecendo visitas guiadas gratuítas, pero iso fíxose sobre todo en lugares como Santiago, Lugo, Ourense... Este ano decidimos facer algo na Ribeira Sacra para resaltar o valor do seu patrimonio histórico e quixemos tamén encaixar esta iniciativa na recente declaración do territorio como ben de interese cultural. O obxectivo desta xornada é tamén dar a coñecer mellor esta profesión entre a cidadanía. Noutros países de Europa hai actividades parecidas, promovidas polas entidades que forman parte da federación europea de asociacións de guías turísticos, na que está presente a asociación galega.

-¿A xornada deste ano ten algún lema ou eixo temático especial?

-Si, e consiste en fomentar o que se coñece como turismofilia. Hoxe estamos vendo como nalgunhas cidades surxen atitudes de hostilidade cara ao turismo, que se percibe ás veces como algo negativo, como unha ameaza... As asociacións de guías turísticos queren aproveitar esta data para avogar por un turismo sostible e ordenado, e tamén para destacar a importancia de ofrecer un trato amable e acolledor aos visitantes. Iso é algo que queremos axudar a potenciar tamén na Ribeira Sacra, esforzarse por ofrecer unha imaxe positiva da nosa terra.

-¿Este ano continuarán os programas de visitas ao patrimonio románico en Semana Santa e no verán?

-Si, pero aínda temos ultimado o calendario, que se dará a coñecer algo máis adiante. Estes percorridos organizábanse ao principio en colaboración co consorcio de turismo, pero na actualidade son organizados só pola nosa empresa. En certo momento decidiuse que esta actividade a levásemos unicamente nós porque xa está ben consolidada. O consorcio continúa a apoiarnos dando difusión a estas rutas na súa web, pero toda a organización corre pola nosa conta.

-¿Está a umentar o número de usuarios das rutas do románico da Ribeira Sacra?

-Vai crecendo pouco a pouco e actualmente xa comezamos a ter algún movemento de visitantes en febreiro e incluso a finais de xaneiro, algo que antes non sucedía. Evidentemente, o patrimonio románico segue sendo algo minoritario dentro da oferta turística, tanto na Ribeira Sacra como noutras partes, pero a afluencia de visitantes mantense e medra de ano en ano.

-¿Nótanse cambios en canto á procedencia dos visitantes?

-Algo que se está notando é que cada vez temos máis visitantes chegados doutras partes de Galicia, o que nos parece moi importante porque durante os primeiros anos a maioría dos usuarios que tiñamos procedía doutras comunidades. Tamén estamos atendendos a algúns turistas estranxeiros que comezan a aparecer timidamente, pero que esperamos que vaian a máis. En todo caso, o maior fluxo de visitantes é con diferenza o que se rexistra durante as temporadas altas e que o esperamos é que a demanda se vaia desestacionalizando e que cada vez teñamos un maior número de visitantes ao longo de todo o ano. Iso sería o ideal.

Na imaxe sobre estas liñas, Beatriz Pérez -á esquerda- guiando a un grupo de visitantes na igrexa de San Salvador de Asma, en Chantada