O baile dos toxos volveu ao Courel, esta vez con nevada

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

En Vilamor celebrouse unha antiga festa que se perdeu nos anos 70 e resucitou por un tempo durante a pasada década

02 feb 2019 . Actualizado a las 18:27 h.

Retomando unha tradición perdida a principios dos anos 70 e recuperada durante un tempo na pasada década, a localidade de Vilamor do Courel celebrou onte o baile dos toxos, un costume propio dos tempos en que as grandes nevadas eran habituais na serra nesta época do ano. Entre os anos 2001 e 2007 -cando se recuperou o festexo-, esta xornada nunca coincidiu cunha nevada, pero esta vez a situación foi diferente. En Vilamor non chegou a caer neve -a precipitación limitouse á chuvia-, pero si nas partes máis altas da serra, como o Alto do Boi.

Ao igual que no pasado decenio, o baile dos toxos tivo lugar ao aire libre, non dentro dunha corte, como era habitual cando unhas duras condicións meteorolóxicas dificultaban a celebración das festas de San Vicente, asociadas a esta tradición. O escenario foi a praza do Quintairo, onde se instalou un toldo para protexer aos danzantes das inclemencias do tempo e se cubriu o chan de toxos. Despois dunha misa en honor do patrón da parroquia comezou a baile, animado por grupos de música tradicional.

A celebración foi organizada por un grupo de veciños de Vilamor en colaboración co Concello e varias empresas locais. A xornada deste ano recibiu o nome de Festa do Toxo. En tempos era simplemente a festa patronal da localidade e o baile facíase a cuberto e sobre toxos por motivos de carácter prático, para evitar o frío e a lama. Nesa época era normal que entre xaneiro e febreiro grande parte da serra quedase cuberta de neve durante longos períodos, de dúas semanas seguidas ou máis. As condicións climáticas actuais son diferentes, pero este ano a neve non faltou á súa cita.