«Na categoría hai clubes que fixeron un gran desembolso para ascender»

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O preparador do Taboada considera que non están nas mesmas condicións que outros rivais para o ascenso

10 ene 2019 . Actualizado a las 16:57 h.

O adestrador do Taboada, Martín Murado, cumpre a súa segunda temporada no club da Medela. A súa bagaxe é positiva, xa que a campaña pasada mantivo a categoría e nesta primeira volta o equipo mantivo unha regularidade que lle permite estar na novena praza do grupo terceiro da Primeira Autonómica, con 23 puntos -atópanse a dez dos postos de ascenso-. O exfutbolista do CD Lugo está contento coa traxectoria dos seus e á hora de falar de obxectivos subliña que a permanencia é a meta principal.

-¿Que lectura fai da primeira volta do seu equipo no grupo terceiro da Primeira Autonómica?

-Tivo dúas partes ben diferenciadas. Comezamos moi ben e durante un terzo de campionato parecía que podíamos contactar cos equipos da zona de privilexio da categoría, pero os empates que encadeamos na casa penalizáronnos. Os números que temos din que non podemos despistarnos o máis mínimo.

-¿Teme que haxa problemas para a permanencia?

-Temos que poñernos as pilas se finalmente non queremos pasar apuros.

-¿Por que ese cambio de dinámica nesta primeira volta?

-O feito de ter que xogar e adestrar fóra polas obras que se levan a cabo no campo da Medela prexudicounos bastante. Non quero que soe a escusa, pero está claro que noutro escenario os meus futbolistas atopáronse desubicados, e iso pasou factura.

-A primeira xornada desta segunda volta vai ser clave para as aspiracións do Taboada nesta liga, xa que reciben ao Santaballés.

-É verdade que se trata dun partido importante, xa que xogamos contra o terceiro clasificado, pero agora mesmo nós non podemos mirar cara arriba. A nosa mirada está posta en non pasar apuros e en certificar a permanencia o antes posible. Estaremos tranquilos e será un éxito se o Taboada afronta o último mes de competición cos deberes feitos.

-¿Non hai posibilidade de pensar en competir polo ascenso?

-Sendo realistas, teño que dicir que é moi complicado. Somos conscientes de que temos un moi bo plantel, pero son xogadores afeccionados que non cobran e hai que recordar que competimos contra equipos que fixeron un gran desembolso económico para ascender, e contra iso é moi difícil competir.

-Polas súas verbas queda claro que a permanencia é o obxectivo do Taboada.

-Así é. Faremos unha temporada marabillosa se no último mes de liga xa pensamos na copa Deputación.

-¿Cal é a identidade deste Taboada de Martín Murado?

-O Taboada é un equipo que aposta polo fútbol combinativo. Eu concibo o fútbol como un espectáculo, que busca a vitoria a través do bo trato de balón. Este ten que ser o protagonista tanto nos adestramentos como nos partidos oficiais. Este estilo é innegociable para min, aínda que é certo que nalgúns encontros temos que adaptarnos aos rivais.

-¿Está contento co plantel que ten?

-É un dos mellores que adestrei. É un plantel amplo, que me permite contar con dous futbolistas por posición. A directiva fixo un gran esforzo na captación de futbolistas, o que nos permite contar con alternativas durante a competición.

«Claro que me gustaría chegar ao cadro técnico do primeiro equipo do CD Lugo»

Martín Murado cumpre a súa sexta temporada nos banquillos. Neste tempo, o exfutbolista do CD Lugo conta no seu currículo cun ascenso á Preferente -foi o que conseguiu co Club Lemos-. Ademais de ser o adestrador doTaboada, o lucense tamén dirixe o equipo cadete de División de Honra do CD Lugo. Murado é un técnico que aposta pola canteira e así o demostra subindo ao primeiro equipo a xogadores do Taboada B.

-¿Foi acertado crear o filial?

-Moi acertado. Dos 24 futbolistas que teño adestrando comigo, dous son xuvenís e seis teñen ficha do Taboada B. Cando non van convocados co primeiro equipo xogan cos seus conxuntos. O futuro do club pasa por seguir apostando polos canteiráns.

-¿Gustaríalle chegar algún día ao cadro técnico do primeiro equipo do CD Lugo?

-Claro que me gustaría, pero iso é moi difícil. Agora mesmo adestro ao cadete da División de Honra e estou moi contento porque se trata dunha boa experiencia. Hai que seguir traballando.

-¿Como se presenta o partido ante o Santaballés?

-Será difícil, pero nos queremos cambiar a dinámica na casa e gañar. Atoparémonos cun rival moi forte, sobre todo no apartado defensivo, que ademais se manexa moi ben a balón parado. Pero nós sairemos polos tres puntos en xogo.

-¿Que mensaxe lle traslada a afección de cara a segunda volta?

-Que traballaremos forte por lograr a permanencia e que continuaremos apostando polos rapaces novos, porque é a esencia deste Taboada.