Simulacros


E logo os señores?

?Marcháronlle pr’a vila á festa de D. Celidonio.

?E o doente tamén?

?Tamén si señor... Tamén foron os d’aí abaixo, e os señores

da Porteliña, e os da tenda da carretera. Eiquí non lle quedou ninguén... Se vira a d’automóbeles que por eiquí pasaron!»

(Vicente Risco: O porco de pé (1928).

«No’hai herba pra darlle ao gando / nin queda palla do vran: / os automobeis bruando carretera adiante van. / Probe de nós! / Diós

nos colla da súa man! / Xuraron nas eleiciós / faguer a vida levián: / ruben as contribuciós; /o ano que vén dobrarán. / Probe de nós! /

Diós nos colla da súa man!»

Ramón Cabanillas: Misere en Vento Mareiro

(1915).

Os textos que preceden estas liñas están escolmados de dous grandes clásicos da nosa literatura situados na xeira das Irmandades da Fala (1916-1936), condición que manteñen e gañaron precisamente porque o neles recollido mantén a mesma vixencia que hai cen anos. Os automóbiles e as estradas pasan e aquí non ficou ninguén, non sendo D. Celidonio, of course, e o que se xura antes das eleccións pouco lles acorda despois.

A voz latina simulacrum usouse para a representación figurada de algo ou até un manequí (do holandés maneken, home pequeno) en que se encerraba a persoas para queimalas vivas na honra dos deuses. Hoxe, na

honra do deus-mercado, os Celidonios de arestora deciden queimarnos vivos: catastrazos,

merma dos servizos públicos esenciais e agora o simulacro da política institucional local da Ribeira Sacra: mandar para Chantada a A-76 dinamitando as nosas ribeiras e cun impacto ambiental que colide con outro simulacro: a declaración BIC. Os nosos concellos levan décadas convivindo coas ocorrencias dos manneken: promesas de grandes infraestruturas de custe millonario e rimbombantes declaracións de protección dun patrimonio cada vez máis abandonado e peor coidado. Iso si, coma naquel outro conto, un peso nunca o vemos. O que precisamos os concellos da Ribeira Sacra, atafegados polo envellecemento e o despoboamento, é intervir nos sectores produtivos, fixando poboación e novos produtores. Como di a palabra de orde do SLG: casas con fume e montes sen lume.

Un plan de investumentos real e pensado desde o territorio que obrigue ás diferentes administracións públicas a colaboraren e a facer un uso racional e efectivo dos recursos e que repercuta na calidade de vida da maioría social e non dos Celidonios do tempo da globalización. Claro que os manneken nunca chegarían a selo se houber unha sociedade civil crítica cunha visión holística do territorio, do tecido produtivo e cun programa de futuro.

En canto non teñamos iso e sigamos co resaibo provinciano de arremedar o que se fai noutras latitudes trunfan bastos e a maioría seguiremos sen voz e sen futuro.

Autor Antón Fente Concelleiro CUP-Por Chantada

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Simulacros