«Sigo tendo a mesma ilusión que cando comecei a xogar hai 21 anos»

LEMOS

CEDIDA

Noelia Sánchez apura os últimos días de vacacións en Moreda e analiza o que foi o ano que remata mañá

30 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A xogadora máis laureada do voleibol monfortino e galego goza estes días dun merecido descanso de Nadal na súa parroquia de Moreda. Noelia Sánchez, que suma 21 anos na elite do voleibol, aproveita para visitar a súa familia e para desconectar do día a día da competición. Iso si, a excapitana da Pinguela tamén participou activamente na matanza. Onte foi día de chourizos. Sánchez analiza o que foi este 2018 e o que lle pide ao ano que comeza o martes.

-¿Que lectura fai do ano que remata mañá?

-Foi un ano moi bo, porque grazas a Deus respectáronme as lesións e puiden estar a tope aportando o máximo tanto nos adestramentos como nos partidos. No eido competitivo foi unha mágoa que non nos clasificásemos para os play off, pero son prazas que se venden moi caras. Respecto a esta segunda parte do ano estou leda, porque logramos o pase para a fase final da copa da Raíña.

-¿Goza de saúde o volei español?

-Está saíndo da crise. É verdade que o nivel segue estando máis baixo que hai dez anos, pero a liga é moi atractiva e bastante igualada, polo menos entre o segundo e o sétimo clasificado. E iso resulta atractivo para os afeccionados.

-A piques de cumprir 37 anos, ¿mantén Noelia a mesma ilusión polo voleibol que cando comezou?

-Si, teño a mesma ilusión que hai 21 anos. É certo que o feito de repetir ciclos cada temporada fai que nalgún intre me atope saturada. Sempre dixen que o día que me retire fareino por cansazo físico, pero ao mellor será máis por agotamento mental. De todos os xeitos, aínda non quero pensar nese intre.

-¿Que destacaría destes 21 anos na elite do voleibol?

-No deportivo sempre me sentín afortunada, porque me respectaron as lesións. É verdade que ás veces xoguei con moita dor, pero estiven aí. Estiven sempre no club que quixen, porque nunca me tiven que conformar cunha soa proposta. Sentinme privilexiada, porque con 18 anos estiven no club da miña cidade, con soldo, cerca da miña familia e puiden chegar á selección española. Fun moi feliz. É verdade que me gustaría saber que pasaría se daquela me marchase para outro club, pero isto dígoo máis por intriga que por arrepentimento.

-¿Foi xusto o volei con vostede?

-Tardou, pero si que foi xusto.

-¿Como se sinte sendo un referente para as nenas da canteira monfortina?

-Póñome colorada. De feito estes días nos adestramentos do Korbis e do Ribeira Sacra, algunha quedábase mirando para min. Teño que dicir que me fai moita ilusión.

-O volei monfortino recuperou o seu protagonismo.

-Os dous clubs están traballando ben. O importante é que as nenas e os nenos gocen co voleibol. Hai futuro.

-¿Vese de adestradora?

-Aínda non. Para ocupar un banquillo téñome que descolgar do carácter que teño como xogadora.

-¿Coida que se valora menos a muller no deporte?

-Eu sigo vendo diferenzas. No deporte masculino parece que é máis seguro investir, pero para que iso suceda no feminino, as mulleres temos que conseguir algo.

-¿Cal é a mensaxe para o 2019?

-Deséxolle un bo aninovo a todos os lectores e pido saúde. Que os Reis Magos lles traian zapatillas para correr e facer deporte, porque iso é saúde. Aos deportistas federados deséxolles sorte para que logren todos os seus obxectivos.