Houbo un tempo no que todas as vacas eran curmás entre si

Os potros de inseminación, un fito na mellora sanitaria e xenética da gandeiría galega


chantada / la voz

Sindo González González é un veterinario licenciado pola Facultade de León no ano 1984. Criouse en Vilaguillulfe, na parroquia de Cartelos, en Carballedo, unha das aldeas das Veigas do Asma, un val de fraga atlántica -aquí érguense os célebres carballos da casa do Barrio de Cartelos- mesturado con terras fértiles produtoras de excelentes pastos, e polo tanto unha excelente zona gandeira. A este veterinario tocoulle unha tempada, nos anos noventa, traballar no percorrido dun daqueles circuítos de inseminación artificial que xa funcionaban dende mediados dos sesenta e foron testemuña da grande mellora que provocou na gandería local.

Antes da mellora xenética «todas as vacas estaban emparentadas» e as condicións de salubridade das inseminacións eran moi limitadas. É preciso lembrar que antes desta etapa da gandeiría do país, as vacas dunha contorna ían moitas veces ao mesmo touro, co cal a maior parte da cabana gardaba unha grande consanguinidade. A iso habíalle que sumar o problema da propagación de enfermidades do touro ás demáis vacas. E das vacas ao touro. Iso foi o que pasou coa brucelose, que fixo moito dano por aquí, pois propagouse e provocou moitos abortos. «Pasaba con frecuencia -recorda Sindo González- que un touro estaba ‘sucio’ e xa era moi tarde cando se sabía porque xa contaxiara a moitas vacas».

Entre os primeiros anos da inseminación artificial ata os oitenta, a tecnoloxía cambiou. «O seme viña sen conxelar, refrixerado en ampolas de vidro que se pechaban cun mecheiro de alcol, parecidas a aquelas vitaminas que para tomalas había que romper os dous extremos do envase para baleiralas; o catéter no que se introducía o seme soprando cunha pera, era de vidro e algunha vez partía, unha soa luva de goma para varios usos....», lembra Sindo González. Máis tarde conseguíuse conxelar o seme e transportalo en contedores de nitróxeno líquido, onde se gardaba en palliñas de plástico que facían máis doada a súa desconxelación, porque ao ser máis finas e longas permitían introducilo en pouco tempo na vaca á temperatura. Así evolucionou nesa época unha profesión que, salvo poucos casos en Chantada, parecía ser exclusiva de leoneses e zamoranos.

Circuítos de moitos cartos

Dende ás sete e media da mañá ata as tres e media da tarde daba tempo de inseminar moitos animais, pero non todas as rutas eran iguais. Había veterinarios con percorridos asignados con máis ou menos clientes. Un dos máis rendibles era o que partía dende Xestoso en Adá, atravesando parroquias do Val do Navego ata Mariz, Laxe e as Veigas do Asma ata Vilaquinte. Eran moitos potros con varios paisanos con vacas. Eran outros tempos e o rural estaba máis poboado.

O prezo foi variando co tempo, no ano 1980 cobrábanse seiscentas pesetas por cada vaca inseminada, en 1985 novecentas, 1.100 en 1990... Podíanse facer moitos cartos ao mes. Había unha garantía por se a vaca non preñaba, ata tres celos consecutivos -os celos das vacas repítense cada vinteún días- e volvíase inseminar. En vista destas normas, algunha vez se daba o caso de que o gandeiro levaba outra vaca distinta á de días antes alegando que non preñara.

Ciscados polas aldeas, formando xa parte dunha nova arquitectura na paisaxe rural, os potros de inseminación foron construídos pola Diputación Provincial de Lugo a finais dos sesenta e principios dos setenta. Ao pé dunha estrada, nun cruzamento de camiños, na mesma aldea... A ubicación era a que mellor conviña en cada caso a veterinarios e gandeiros.

Modernidade en desuso

Foron durante anos un punto de encontro, pois eran moitas as veces que se xuntaban varios paisanos e había que agardar a quenda. Os potros de inseminación construíronse atendendo a un único modelo, salvo algunha excepción. Uns muros levantados en forma de H e cunha cuberta a dúaas augas en forma de V, armada en viguetas prefabricadas ás que se amarraban as uralitas.

O rechamante tellado en forma de V tiña a vantaxe de que recollía toda a auga de choiva para dirixila a un só canalón no medio da cuberta. Un amarradeiro de ferro no chan cunha cadea para ter conta do animal, un depósito que recollía pluviais levadas por un cano a unha billa cun fregadeiro que se usaba para lavar os aparellos do veterinario, e algunha que outra argola na parede. Eses eran os elementos destas sinxelas construccións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Houbo un tempo no que todas as vacas eran curmás entre si