«A industria do chocolate tivo moita importancia en Monforte»

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

21 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Para mediados de xaneiro está prevista a aparición de Soños de chicolate, a primeira novela do escritor e músico monfortino Antón Valcarce, que será publicada pola editorial Agrasar.

-¿A que se debe o título da obra?

-O título dí «chicolate» porque é a palabra que usaba moita xente maior en Monforte para falar do chocolate. Non é a palabra normativa, é un localismo que sempre me chamou a atención e decidín conservalo no libro. A novela conta a historia dun rapaz que se move polo mundo das fábricas tradicionais de chocolate, que tiveron moita importancia en Monforte, onde chegou a haber catro ou cinco funcionando a un tempo. Empresas como Chocolates Valiña, Andrade e Guitián foron as últimas dese sector. Aínda se conservan algunhas desas fábricas e as súas maquinarias. O proceso de elaboración era moi curioso. É un patrimonio moi singular, pero hoxe en día é moi pouco coñecido. Neses tempos houbo fábricas de chocolate en moitos outros lugares, como Os Peares ou Lugo.

-¿Fixo moita investigación para reconstruír a historia desas fábricas?

-Fixen as miñas investigacións, pero hai que precisar que non é unha obra dedicada exclusivamente a reconstruir ese mundo. A novela está ambientada nas vellas industrias do chocolate, pero iso é só un pretexto para situar a historia que quería contar, como podía ter sido outro. Tamén podería ter utilizado como ambientación o mundo do ferrocarril, por exemplo. En realidade a novela xira en torno a unha determinada concepción da vida, a un concepto filosófico. A historia, por certo, acaba nun desenlace inesperado no que penso que se ve finalmente cal é o sentido da novela.

-¿Pero a historia está ambientada en Monforte?

-En ningún momento da novela dise que a historia sucede en Monforte. Non quixen ofrecer unhas referencias demasiado locais e preferín darlle un toque un pouco máis universal á narración. Pero aínda que non apareza o nome, ao ler as primeiras páxinas vese que ese lugar pode ser Monforte perfectamente. A historia ten tamén algunha relación con Vigo, porque o cacao que se importaba en Galicia chegaba sobre todo a través do seu porto. Na novela tampouco se especifica en que época sucede a historia, pero creo que poden ser os tempos da posguerra.

-¿Vai haber unha presentación pública do libro?

-Si, pero aínda non hai unha data fixada. En principio esta novela ía publicarse para o Nadal, pero aprazouse un pouco porque agora acaba de aparecer a reedición da miña obra teatral De Nápoles a Monforte polo inferno, algo que para min é algo tan importante como publicar a novela.

«Estou moi sorprendido de que a miña obra teatral se esgotase en tan pouco tempo»

Antón Valcarce di estar moi sorprendido da difusión que chegou a ter a súa peza teatral De Nápoles a Monforte polo inferno, que foi publicada como libro en decembro do 2014. O autor tamén publicou os libros de narracións Contáronme que che contara e O que non che contaron de Monforte -inspirados en lendas e historias de tradición oral-, así como o ensaio Dulcinea de Lemos, no que defende a tese de que o nome do personaxe de Cervantes procede de Aldonza Lorenzo Valladares, nai de Inés de Castro e integrante da antiga familia dos condes de Lemos.

-¿Que lle parece o feito de que se reedite esta obra?

-Paréceme incrible que se agotase en tan pouco tempo a primeira edición, porque os libros de teatro lense moi pouco. Están precisamente entre os xéneros literarios que teñen menos lectores. Tamén vai pola segunda edición o meu libro de relatos O que non che contaron de Monforte, pero non esperaba que a obra de teatro chegase a despertar tanto interese. Son unhas tiraxes bastante modestas, de en torno a douscentos exemplares cada unha, e ademais son uns libros que teñen unha distribución sobre todo local. Pero penso que a resposta dos lectores é extraordinaria. A min sorprendeume moitísimo.

-A peza xa se representou en lecturas dramatizadas. ¿Vai volver representarse proximamente?

-Posiblemeente haberá algunha outra representación en xaneiro ou febreiro, aproveitando que a obra teatral acaba de reeditarse. Tamén hai xente interesada en levar esta peza ao Festival de Teatro de Ribadavia, pero iso non sei como se vai poder facer. As representacións que ofrecemos en Monforte foron cousa dun grupo de amigos, non dunha compañía teatral de afeccionados ou de profesionais.