«Nos seus inicios, esta entidade foi sobre todo unha cousa da xente nova»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Sampil prepara a conmemoración do sesenta aniversario desta veterana sociedade, que se celebrará desde mañá

20 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente do Círculo Saviñao de Escairón, Enrique Sampil Sánchez, prepara os actos do sesenta aniversario da fundación da entidade, que quedou constituída o 21 de decembro de 1958. «Somos unha sociedade pequena nunha vila pequena pero ao cabo de sesenta anos esta sociedade segue existindo e hai que lembrar que desde que naceu tivo unha presenza constante na vida do municipio», comenta.

-¿Como chegou a formarse o Círculo Saviñao?

-Foi unha iniciativa dun grupo de xente nova do municipio que tiña inquietude por facer cousas que entón non se facían aquí ou que non eran de fácil acceso. De feito, nos seus inicios foi sobre todo unha cousa de mozos e a maioría dos seus membros eran moi novos. Daquela os maiores andaban a outras cousas. Hoxe en día, despois de sesenta anos, seguen estando vivos moitos dos seus fundadores. Foron eles os que se animaron a organizar cousas que entón non eran habituais, desde bailes ata conferencias e outras actividades culturais.

-¿Sempre estivo situado no mesmo edificio?

-Durante os dous primeiros anos a sede estaba nun piso alugado en Escairón. O actual local inaugurouse o 12 de outubro de 1960 e din os máis vellos que foi cunha conferencia de Luis Moure Mariño. Desde entón non se moveu deste sitio.

-¿En que situación se encontra hoxe a sociedade?

-Atreveríame a dicir que está con boa saúde. Coñezo un pouco como funcionan os círculos e casinos culturais de Galicia e moitos de España, e a nosa situación é bastante mellor que a de boa parte destas entidades. Temos unha economía saneada, non temos débedas que nos estean estrangulando -como por desgraza sucede noutros casos- e contamos cun número importante de socios, que hoxe son en torno a 165 e que contribúen a manter a sociedade coas súas cotas.

-¿E cal sería o seu principal problema?

-Hai un problema xeral que padecen todas as sociedades deste tipo e que é a falta de xente nova. No seu día, o Círculo Saviñao naceu precisamente por iniciativa de xente moza e inquieta, como sucedeu noutros lugares, pero co paso dos tempos a xuventude foise desentendendo destas entidades. Nós seguimos funcionando perfectamente e organizando actividades como sempre fixemos, pero a maioría dos socios son xente maior e necesitaríamos xente nova que tomase o relevo. Eu invitaría a todos os veciños, e sobre todo aos novos, a que se sumen a esta sociedade para axudar a que siga existindo no futuro.

Actividades que se ofrecerán desde o venres ao domingo

Os actos organizados polo Círculo Saviñao para conmemorar o sesenta aniversario da súa fundación celebraranse entre o venres e o domingo e estarán abertos a todas as persoas interesadas, non só aos membros da sociedade. A continuación detállanse todas estas citas.

Venres, 20.30 horas. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, o monfortino Francisco Conde, dará unha conferencia sobre «O impulso do rural en Lugo, unha oportunidade para o crecemento económico de Galicia».

Sábado, 23.00 horas. O músico e cantautor Pepe Piña, acompañado polo seu grupo, ofrecerá un concerto no local do Círculo.

Domingo, 18.00 horas. O grupo Conticánticos -formado por Iria Estévez e Gonzo Piña- representará Os Trotasongs, un espectáculo de música, contacontos e danza dirixido especialmente a nenos de educación infantil e primaria.