«Pretendo que a xente aprecie a beleza de todos os cabalos, non só das razas selectas»

La Voz

LEMOS

CARLOS CORTÉS

A fotógrafa e veterinaria expón na Casa de Cultura de Monforte unha colección de imaxes de animais

19 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Casa de Cultura de Monforte acolle ata o 4 de xaneiro a exposición Equus, da fotógrafa e veterinaria Tamara Lebón Sánchez, que -segundo explica ela mesma- responde a un antigo proxecto persoal.

-¿Cal é obxectivo desta exposición?

-É unha colección de imaxes de cabalos, ponis e burros que foron tomadas no Saviñao, Lugo, Castroverde, Nadela e Pontevedra. Desde hai moito tempo pretendo contribuir a que a xente aprecie mellor a beleza destes animais, que moitas veces non é valorada.

-¿En que sentido?

-Normalmente son moi admirados os cabalos de puro sangue, como os de raza española ou frisona e outras variedades. O que me gustaría é que se vise que a beleza non só está neses exemplares de razas selectas, senón en todos os cabalos, ata os máis humildes. E o que me gustaría tamén é que en Galicia fosen máis valorados os cabalos de raza galega, que moita xente nin sabe que existen. É un tipo de cabalo pequeno, robusto e cabezón en todos os sentidos que debería ser moito máis aprezado do que é. Parece que aquí só sabemos valorar os de fóra.

-Outras veces ten exposto fotografías de animais abandonados e adoptados. ¿Os desta exposición tamén o son?

-Hai un pouco de todo. Hai animais adoptados, pero tamén hai algúns que participaron en campionatos de salto e outros que son mascotas familiares. Movinme todo o que puiden para realizar estas fotos e contei coa axuda de moita xente, á que lle agradezo a súa colaboración. Houbo un voluntario que me buscou cabalos para fotografar en Barcelona, pero non puiden facer a viaxe porque tiven un ano moi complicado. Esta exposición estivo a punto de non facerse por ese motivo.

-¿Ten máis proxectos fotográficos á vista?

-De momento non teño pensado ningún proxecto concreto e o único que espero agora é que termine dunha vez este ano, que para min foi horrible. Claro que me gustaría presentar máis exposicións, porque todos os que facemos fotografía queremos transmitir o noso traballo e que a xente vexa o que facemos. Por exemplo, hai tempo que lle dou voltas á idea de preparar unha exposición sobre cans e conto con moitas persoas que me axudarían a localizar animais. O problema é que esta actividade resulta moi custosa. Eu non poido gastar diñeiro en enmarcar todas as fotografías que presento nas exposicións, porque só imprimilas xa me supón un custo importante. Por sorte, o Concello de Monforte presta os marcos.