«A nosa biblioteca ten moi en conta a opinión dos usuarios»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O centro acaba de gañar por novena vez un dos premios María Moliner de animación á lectura

12 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A biblioteca municipal do Saviñao acaba de gañar por novena vez un dos premios María Moliner de animación á lectura, que concede o Ministerio de Cultura. O centro foi seleccionado para estes galardóns en todas as edicións ás que se presentou, nos anos 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2014, 2016 e 2017.

-¿A que se debe este novo premio?

-A todas as actividades que organizou a biblioteca durante este ano, de xaneiro a decembro. En total foron máis de corenta, máis ou menos como o ano pasado, e estaban dirixidas a xente de todas as idades.

-¿Como se organizan?

-Por un lado, procuramos ofrecer actividades coincidindo con datas relacionadas cos libros e lectura, como o Día das Letras Galegas, o Día do Libro, o Día do Libro Infantil, o Día das Bibliotecas... Coa axuda das subvencións da Xunta intentamos organizar cada certo tempo un encontro cun escritor, un ilustrador ou un contacontos. Tamén aproveitamos temas de actualidade para facer cousas. Por exemplo, cando hai un acontecemento relacionado coas viaxes espaciais preparamos unha mostra bibliográfica con libros de astronomía e ciencia ficción que temos na biblioteca. Ou cando falece algún escritor importante. E cada vez que chega unha remesa de libros novos montamos unha pequena exposición con eles para que a xente estea ao corrente das novidades. Intentamos que cada vez haxa como mínimo unha actividade nova e que os usuarios vexan cambios cada vez que nos visitan, aínda que sexan pequenos.

-¿Teñen en conta a opinión dos usuarios?

-Iso é algo que temos sempre moi en conta. Cando vemos que unha actividade ten éxito e interesa á xente procuramos darlle continuidade. A principal función da biblioteca e atraer aos lectores e fomentar a lectura e para iso hai que saber o que máis lles interesa.

-¿Cantos libros e cantos lectores ten hoxe a biblioteca?

-Actualmente debemos de andar polos 14.000 volumes. E os usuarios inscritos son sobre mil e pico. Pero hai que ter en conta que desde finais do ano pasado formamos parte do catálogo unificado das bibliotecas galegas. Iso significa que os nosos usuarios poden usar o seu carné para pedir libros prestados en moitas outras bibliotecas, como as de Monforte, Lugo, Ourense, Santiago, Rianxo... Son máis de oitenta. E os usuarios de todas esas bibliotecas tamén poden facer o mesmo na nosa.

-¿A que se vai destinar o diñeiro deste premio?

-Está dotado con 1.706 euros e na súa maior parte dedicarase á adquisición de libros, revistas e audiovisuais. Como xa fixemos nas últimas ocasións, antes de realizar as compras consultaremos aos usuarios para saber que cousas novas lles gustaría que houbese na biblioteca. Sempre dentro dun equilibrio, claro, porque non podemos dedicar trescentos euros a comprar un único libro, por exemplo.

-¿As actividades deste ano xa se deron por pechadas?

-Aínda non. Este venres temos unha sesión de contacontos coa escritora Antía Yáñez, autora de O misterio de Portomarín. Será ás cinco da tarde. E o día 21 entregaremos os premios do último concurso de poemas infantís sobre o Nadal.