A Pisa da Castaña incluirá unha exhibición de serraxe

La Voz

LEMOS

ROI FERNANDEZ

A vixésima edición do festexo celebrarase o día 8 de decembro en Froxán do Courel

26 nov 2018 . Actualizado a las 22:04 h.

A vixésima edición da Festa da Pisa da Castaña do Courel, organizada en Froxán pola asociación Fonte do Milagro, comprenderá unha demostración de serraxe de de madeira ao estilo tradicional. O colectivo xa promoveu anteriormente outras exhibicións deste tipo en Vilamor e Ferreirós de Abaixo.

O festexo celebrarase o 8 de decembro. As actividades comezarán ás 11.30 horas co acendido dun sequeiro e unha explicación prática do proceso de secado de castañas. As doce iniciarase unha exhibición do tradicional método coñecido como pisa, que consiste en bater un saco cheo de castañas secas contra un tronco para desprender a casca do froito. Para terminar de separar as cascas utilízase despois un bandoxo, unha especie de bandexa de madeira que se suxeita á cintura para ser sacudida. Como é habitual, os asistentes que o desexen poderán participar nestas tarefas. Ás 13.30, o actor Josito Porto pronunciará o pregón da festa. A mostra de serraxe comezará ás 16.00. Varios grupos musicais animarán a festa durante a xornada e a partir das 16.30 horas haberá unha foliada libre.

O programa comprende o chamado Xantar do Pisador, no que se servirán cerca de 450 racións de pratos con castañas. Para participar é preciso adquirir uns billetes que se poñerán á venda a partir das 11.30 horas.