«Creo que na literatura galega é necesario romper moldes»

Lar debuta como novelista coa obra «Latineuropa», que se presentará hoxe en Seoane


quiroga / la voz

Natural de Seoane do Courel, Miguelanxo Lar presentará hoxe na estación científica desta localidade -ás 18.00 horas- a súa primeira novela, Latineuropa. Na actualidade, Lar traballa na casa museo de Uxío Novoneyra, xestionada pola fundación que leva o nome do poeta. Con anterioridade tivo ocupacións moi diferentes, entre elas a cinematografía. Colaborou no filme Sicixia, de Ignacio Vilar, e realizou un documental sobre a fala galegoportuguesa que se conserva no val estremeño de Xálima.

-¿A súa novela ten algunha relación co Courel?

-Non, porque é unha narración que discorre en escenarios urbanos, principalmente en Barcelona e Santiago, dúas cidades nas que vivín e que para min teñen moita importancia. É unha historia de amor, amizade e traizón que ocorre en tempos moi recentes, nos anos convulsos da crise económica e na época inmediatemente anterior ao procès catalán. Na novela non hai datas concretas, pero a historia pode suceder moi ben entre o 2015 e o 2016.

-¿Séntese influído dalgunha maneira pola tradición literaria deste territorio?

-Coñecín non só literariamente senón tamén persoalmente á maioría dos escritores que falaron do Courel, excepto a Ánxel Fole, porque eu tiña catro anos cando morreu. Supoño que algo sempre queda desas lecturas e que se notará dalgunha forma, e ademais traballo na fundación Uxío Novoneyra. Por certo, a pesar da imaxe eminentemente rural que se ten del, Novoneyra viviu en cidades unha grande parte da súa vida e encantáballe o ambiente urbano.

-¿Encontra algunha afinidade entre vostede e outros autores galegos actuais?

-Penso que a miña novela é unha cousa bastante novidosa, porque creo que na literatura galega é necesario atreverse a romper moldes. A literatura galega vive unha época moi boa, pero non me sinto moi influído por ela porque me parece que está demasiado lastrada pola temática histórica, a fantasía ou a novela de xénero, e penso que hai que aventurarse a facer cousas novas. Eu pretendo escribir unha novela máis realista que fale dos tempos actuais. Un autor galego que me interesa especialmente é Diego Ameixeiras, pero non pretendo escribir como el. Sinto afinidade con autores doutras literaturas, como Paul Auster ou Michel Houellebecq, pero tampouco intento facer o que fan eles.

«Gustaríame escribir sobre a miña terra natal, pero aínda non sei como facelo»

Despois de darse a coñecer como escritor con Latineuropa, Miguelanxo Lar pensa continuar a súa actividade literaria. «Xa estou escribindo outra historia da que por agora prefiro non contar nada», explica.

-¿Ten pensado escribir algunha obra ambientada no Courel?

-Gustarían moito escribir sobre a miña terra natal, é un desafío para min, pero aínda non sei ben como facelo porque teño un certo pudor nese sentido. Ao escribir unha novela de ambiente urbano hai máis liberdade para inventar personaxes e lugares aínda que se trate dunha obra realista. Nun sitio como O Courel, onde todo o mundo se coñece, non hai esa liberdade. Se invento personaxes inexistentes todo o mundo o notaría enseguida. Se falase de persoas reais non respectaría o seu anonimato, que é algo que me preocupa bastante. Aínda non encontrei a maneira de resolver esta cuestión. E tamén está o problema de encontrar o tempo para escribir, porque penso que para facelo ben hai que dedicarlle moito tempo. Para min, escribir unha novela supón un esforzo titánico.

-¿O feito de que esta novela sexa autoeditada foi unha elección ou foi imposto polas circunstancias?

-Presentei o libro na editorial Galaxia e en principio interesáronse pola posibilidade de publicala, pero esixían algunhas cousas que non me apetecía facer, como cambiarlle o final. Así que decidín editala eu mesmo para ter máis liberdade e publicala tal como eu quería. Outro motivo moi importante para min é que a portada da novela, que me parece excelente, foi feita por un deseñador gráfico que coñezo. Se o libro fose publicado por unha editorial talvez non se respectaría ese traballo artístico.

-¿Como está funcionando hoxe a fundación para a que traballa?

-A fundación vai moi ben e a casa museo de Uxío Novoneyra está tendo cada vez máis visitas, como en xeral toda a serra do Courel. Tamén foi moi satisfactoria a nova edición do Festival dos Eidos que organizamos durante o último verán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

«Creo que na literatura galega é necesario romper moldes»