Última hora:
La gallega Jéssica Bouzas gana a Paula Badosa y avanza en el Másters de Madrid

Vilelos queimou as súas fachas

Carlos Cortés
CARLOS CORTÉS MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Os veciños desta parroquia do Saviñao manteñen moi viva a súa festa do lume

29 sep 2018 . Actualizado a las 21:13 h.

As fachas volveron arder en Vilelos. Os veciños prendéronlle lume o venres á medianoite as antorchas de gran tamaño que eles mesmos elaboraron durante as últimas semanas, igual que fan desde sempre cando chegan as datas das súas festas patronais. esta parroquia do municipio do Saviñao é un dos tres puntos onde sobrevive unha tradición que en tempos estaba estendida por moitos lugares da Ribeira Sacra. Os outros son Castro Caldelas e Castelo, en Taboada.

Nestes lugares e en todos os demais onde se facía, o folión das fachas anunciaba que ao día seguinte empezaban as festas. Hoxe, o lume é o principal sinal de identidade dos festexos de Vilelos, pero non o único. Este venres, a actividade empezou a última hora da tarde. Ao mesmo tempo que no campo da festa comezaba unha pancetada popular, os veciños máis novos empezaban a sacar á rúa decenas de fachas.

As doce, fóronlle prendendo lume unha a unha e os seus portadores puxéronse a camiñar uns detrás dos outros en dirección ao Castro da Besta, no alto dun outeiro situado a uns cen metros das casas da aldea. Detrás deles, centos de persoas, entre as que había sobre todo veciños do Saviñao, pero tamén moitas persoas vidas de diferentes puntos das comarcas de Monforte e Chantada.

Cando as fachas se apagaron, abaixo no campo da feira empezou un baile no que actuaron o acordeonista Andrés Penabad, os Gaiteiros da Ulloa e a charanga Leña Verde.