Carteiro dron

Xulio Xiz

LEMOS

05 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucas semanas, Núñez Feijoo entregou unha Medalla Castelao aos carteiros rurais de Galicia, no mesmo acto no que a recibiu o crego Xesús Mato, por considerar que estes servidores públicos son esenciais para facer comunidade, levando os envíos do correo por todo o país.

Na postguerra podían ser carteiros rurais os mutilados do bando nacional que a cabalo servían o correo. Logo, carteiros e carteiras motorizados proporcionaban un servizo máis inmediato, mentres que os destinatarios diminuían ata chegar a desaparecer centos de núcleos habitados.

O reto de Correos nas zonas urbanas é loitar contra a competencia das empresas de transporte urxente que naceron coa eliminación do monopolio, mentres no rural é a de atender puntualmente aos destinatarios dos envíos, igual de distantes pero moito menores en número.

Se a motorización dos carteiros foi unha revolución, maior será a que se vai producir se se logra que os repartos de Correos no rural se fagan a través de drons, eses artiluxios chamados a influir na nosa vida.

Experiencias efectuadas en Rozas evidencian que vai ser posible que os drons entreguen obxectos lanzándoos desde o aire ou aterrando en calquera superficie plana. Se se consegue, o próximo galardón para Correos, en lugar de ser recollido por un carteiro, e para non entregarllo a unha máquina, terá que recibilo o programador que desde a oficina trace coordenadas e controle ordenadores para lograr que unha máquina voadora sexa o máis directo contacto coa sociedade por parte dos galegos máis illados da civilización.