«O Camiño de Inverno é dos meus favoritos, a paisaxe é impresionante»

SARA GIL / M.C. VIVEIRO / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A xornalista lucense afincada en Irlanda promociona as rutas a Santiago

02 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

María Golpe (Viveiro, 1979) leva quince anos vivindo en Irlanda. É a responsable de márketing da empresa Camino Ways, que organiza viaxes de sendeirismo e cicloturismo por distintos puntos de Europa. Destaca entre eles o Camiño de Santiago. Recentemente incorporaron á súa oferta a Ruta do Cantábrico, polo que os irlandeses xa teñen a escusa perfecta para visitar A Mariña. Ela leva con orgullo o seu posto. «Todos os galegos compartimos ese orgullo de selo e facer promocionar Galicia», asegura.

-Cando marchou a Irlanda?

-Foi ao rematar xornalismo, no ano 2001, para ir un pouco á aventura e practicar inglés. A idea era quedarnos un curso, entre 9 e 12 meses. Pero ao final unha das miñas compañeiras marchou antes e as outras quedamos alí. Outra das miñas amigas quedou tres anos. Eu volvín no verán e voltei marchar no 2003 para aló.

-Como comezou a traballar en Camino Ways?

-A empresa xa estaba formada. Cando cheguei a Irlanda comecei a traballar do que ía atopando... No ano 2006 estiven traballando nunha empresa de relacións públicas (escribindo comunicados de prensa), pero houbo un momento no que eu e a miña parella nos plantexamos se marchabamos de Irlanda, se nos mudabamos a outro país ou que faciamos. Ao final atopei o anuncio do emprego en Camino Ways e comecei a valoralo. Iso foi como hai cinco anos. Comecei como relacións públicas e agora son a encargada de márketing. A empresa tamén medrou moito. Cando eu cheguei eramos nove persoas e agora somos corenta empregados. Foi moi emocionante ver o seu crecemento.

-Cal é o proxecto da empresa?

-É un proxecto que como galega vivindo en Dublín éncheme de tenrura. A empresa Camino Ways creouna o meu xefe, que é francés e que viaxou por todo o mundo. Cando volveu a Irlanda e se asentou nesa cidade decidiu que quería dedicarse a organizar viaxes de sendeirismo e cicloturismo. El foi vendo que o que máis pedía a xente era ir ao Camiño de Santiago. Tamén temos outras rutas. Pero por moito que engadamos outros destinos, o que máis tira sempre é o Camiño de Santiago.

-Traballou con algún galego máis na empresa?

-Teño máis compañeiras que pasaron por alí e que tamén eran galegas. Todos os galegos compartimos ese orgullo de selo e promocionar Galicia. Agora temos entre a nosa oferta de viaxes a Ruta do Cantábrico, polo que tamén mandaremos camiñantes á Mariña.

-En xeral, os irlandeses coñecen o Camiño de Santiago?

- Antes non, mais hoxe en día o Camiño de Santiago é moi coñecido. En Dublín hai unha sociedade de amigos do Camiño de Santiago que van moito por Galicia. Teñen alí un centro de promoción do camiño. Cada ano facemos un evento para celebrar o 25 de xullo.

-E vostede fixo o Camiño de Santiago algunha vez?

-Teño que confesar que nunca o fixen enteiro. Cando estaba a estudar en Santiago sen éxito. Despois si que fixen varios tramos do Camiño, o último o ano pasado. Encantaríame tomar un mes enteiro e facelo completo. Para min é unha desconexión, ou máis ben unha conexión contigo mesma. Tes todo ese tempo para ti mesma e non tes outras preocupacións máis que comer, andar e reflexionar sobre ti mesmo ou falar cos compañeiros cos que vas. O Camiño do Inverno, que pasa pola Ribeira Sacra, é un dos meus favoritos para facer algunha vez. Ten unhas vistas estupendas e unha paisaxe que é impresionante.

Anos en Irlanda. Leva quince anos no país, logo de estar un verán e volver mudarse definitivamente.

Profesión. É a encargada de márketing da empresa Camino Ways.

Amante do Camiño. Confesa que, aínda que non o realizou completamente, gustarialle seguir o Camiño de Inverno

María sempre que pode volta a Viveiro co seu compañeiro, que fala xenial galego pero que é inglés. «O galego aprendeuno á forza de vir a Galicia e sabía algo de castelán pero ao vir a Viveiro custáballe un pouco», explica esta especialista en promoción de rutas turísticas. Mark, a súa parella, fala tamén francés á perfección. E desa multiculturalidade nútrese a súa filla. «Agora temos unha nena e a trouxemos a coñecer á súa familia daquí. Fálolle galego á nosa filla, a miña parella fálalle francés e entre nós, falamos en inglés. A idea é que se críe nun ambiente no que se fale galego», di a súa nai.

Mais, en Irlanda non abunda a comunidade de galegos. «Levo en Dublín cinco anos e non abundan os galegos. Iso si, teño unha amiga de Ferrol. Pódese dicir que os galegos aquí non son unha comunidade permanente, xa que a maior parte marchan ao pouco tempo. Fun atopando xente, pero case sempre estaban de paso.

Conexión pouco real

Segundo María, xeralmente cremos que a conexión co país no que vive actualmente é máis da que en realidade temos. «Para min ao primeiro a adaptación foi un choque cultural. Paréceche que como galego tes esa conexión con Irlanda, pero non é así nin moito menos. Cando cheguei, eles non sabían nin onde estaba a nosa terra. Agora cambiou. O Camiño ten recoñecemento. O que teño que dicir é que son acolledores».

E apunta que o vínculo con Galicia está ao traballar para Camino Ways. «Sobre todo cando comecei a traballar. Ás veces tiña que chamar a alguén de Galicia e poder falarlles galego era tenro», remata, con voz morriñenta esta galega que promociona a nosa terra e o noso idioma aló onde vai.