Na Feira do Libro presentaranse seis obras ligadas ao sur lucense

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

As xornadas celebraranse entre os días 22 e 25 na rúa Cardeal

21 ago 2018 . Actualizado a las 22:09 h.

Os autores e as obras vinculados ao sur lucense ocuparán un importante espazo na 21 edición da Feira do Libro de Monforte, que se celebrará entre o mércores e o sábado da semana próxima. O programa de actividades foi presentado por representantes da Federación de Librarías de Galicia -que organiza a feira-, a Xunta, o Concello de Monforte e a Deputación. Os dous últimos organismos contribúen ao seu financiamento con 4.500 e 3.000 euros, respectivamente, mentres que o Goberno galego subvenciona con 120.00 euros o conxunto das feiras do libro da comunidade.

Como nas anteriores edicións, o recinto da feira estará instalado no tramo peonil da rúa Cardenal. Nesta ocasión participan cinco librerías -unha menos que o ano pasado- radicadas en Monforte, Santiago e Vigo, xuntamente coa Deputación lucense, que contará cun posto propio.

O pregón inaugural será pronunciado o día 22 polo escritor monfortino Lois Diéguez. Ese mesmo día presentarase o libro Museo Pazo de Tor. Guía ilustrada, editado pola Deputación, escrito por Fernando Arribas Arias e Antonio Reigosa Carreiras e ilustrado por Noemí López.

Novoneyra reeditado

Entre as obras que se presentarán na feira monfortina figura unha nova edición de Os eidos, o título máis emblemático do poeta courelao Uxío Novoneyra. O libro foi publicado dentro do selo Biblioteca de Mesopotamia, promovido pola editorial Chan da Pólvora e dedicado especificamente editar obras relacionadas coas comarcas do sur lucense e do resto da Ribeira Sacra.

A mesma editorial presentará outros dous libros durante a feira. Un deles é o poemario Ad inferos, a primeira obra que publica Mónica Sánchez, unha escritora natural da parroquia monfortina de Reigada. O libro foi editado dentro dunha colección denominada Areal de Melide, dedicada á experimentación poética coas imaxes. Por outro lado, Chan da Pólvora presentará tamén Não tenho culpa de viver, un libro de poemas da escritora monfortina Teresa Moure asinado supostamente por Ana Brouwer, un dos personaxes da súa última novela, Um elefante no armário, publicada o ano pasado. Por outro lado, Teresa Moure participará na presentación do libro Corpo, do escritor e editor monfortino Antón Lopo, gañador do sexto premio de poesía Manuel Lueiro Rey e publicado por Edicións Xerais.

O programa da feira comprenderá así mesmo a presentación de Las islas lejanas, unha novela baseada na vida do fidalgo e militar quirogués José de Quiroga, que foi gobernador das illas Marianas no século XVII. O seu autor é Francisco Ruiz Aldereguía, natural de Ferrol e residente en Pantón. Por outra parte, entre as actividades previstas para estas xornadas figura un obradoiro de ilustración dirixido aos nenos que correrá a cargo de Estefanía Padullés, escritora e ilustrada catalá que reside desde hai anos en Paradela.

As xornadas pecharán o ciclo anual de feiras do libro de Galicia, que comezou o pasado marzo. Todas elas desenvólvense baixo o lema común «Ler sen fronteiras», dedicado á escritora de orixe estremeña María Victoria Moreno, protagonista do último Día das Letras Galegas.

Catro días de actividades dirixidas a adultos e nenos

O recinto da feira abrirá de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, excepto o primeiro día, no que estará aberto só pola tarde. Estes son os actos do programa.

Día 22. O acto inaugural comezará ás 19.00 horas. Ás 20.30 presentarase a guía do pazo de Tor.

Día 23. Ás 12:00 haberá unha actividade divulgativa baixo o lema «O príncipe namorado». Ás 19.00 horas presentarase o libro infantil O cociñeiro Martiño e as cenorias desaparecidas, de Iago López; ás 20.00 horas, Ad inferos, de Mónica Sánchez, e ás 21 horas, Las islas lejanas, de Francisco Ruiz Aldereguía.

Día 24. Ás 12.30 horas será presentada a nova edición de Os eidos. Ás 18.00 horas, a escritora lancará Rocío López asinará exemplares da súa novela Nunca fuimos buenos. Ás 18.30 presentarase o libro Galeguia, de Manuel Miragaia; ás 20.00 horas, Não tenho culpa de viver, de Teresa Moure, e ás 21.00 horas, Corpo, de Antón Lopo.

Día 25. Ás 12.00 horas a escritora ferrolá Finy Sesmonde asinará a súa novela Gotas de rocío e volverá facelo ás 18.00. Ás 12.30 haberá un obradoiro de ilustración con Estefanía Padullés. Ás 19.00 horas, o poeta D’Angelo e o ilustrador Yelko Veiga presentarán o libro Desde que somos tijera y papel, e ás 20.00 horas o poeta lucense Lois Pérez dará un recital baseado no seu libro Long Play.