Con isto traballaban os teus avós

Preparan nunha aldea de Bóveda unha exposición de ferramentas antigas

c.c.
monforte / la voz

Durante a primeira semana de agosto, máis concretamente dos días 4 ao 7 inclusive, vaise realizar unha exposición de artigos antigos no local social da parroquia de San Cristovo de Guntín, en Bóveda. Esta exposición, que conta con 85 piezas, faise grazas a José Luis Gallego, Alba Fernández e Yoli Fernández, veciños da parroquia. Nesta exposición podemos encontrar útiles moi variados como unha aixola, unha cafeteira de Cuba, unha cámara fotográfica de 1906, dedais, libros escolares de 1904, ata un documento datado en 1715.

Esta exposición non é a única que fixo Gallego, xa que leva tres anos facendo obras e exposicións. «O primeiro foi unha obra audiovisual con fotos antigas, o segundo foi unha exposición de fotografías en papel, e este ano para continuar un pouco nesa forma de ver a antigüidade, pasamos a útiles de traballo» comenta Gallego. Esta mostra realízase sen ningún tipo de axuda económica, e de maneira gratuita para todas as persoas que queiran acercarse ao local. «O único que pretendo é que a xente nova coñeza ferramentas de diverso tipo que os seus pais e avós utilizaron» comenta Gallego.

Ademáis, os tres organizan tamén unha obra de teatro o próximo 17 de agosto, correspondente a Os vellos non deben de namorarse, de Castelao. «É unha continuación da obra que fixemos o ano pasado. Este ano afrontamos os dous lances que quedan con pequenas modificacións debido aos medios dos que dispoñemos» comenta Gallego. Esta obra conta cun elenco de dezasete artistas cómicos e vaise facer ao aire libre, nun frontal do local social. «As expectativas para este ano son moi boas e se a xente da aldea e a que ven de fóra o pasan ben e desfrutan, pois fantástico» explica Gallego.

O Concello de Bóveda facilitaralles o equipo audiovisual necesario para levar a cabo esta representación. O acceso a este acto tamén é de forma gratuita, e ao final da obra convidan aos asistentes a unha chocolatada. Para o próximo ano, José Luis Gallego comenta que «hai previsto máis cousas que están latentes, e se o ánimo segue en pé pois seguiremos facendo algún concurso famoso na súa época, algunha obra de teatro...».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Con isto traballaban os teus avós