«Agora mesmo non hai tensións na tesourería do Club Lemos»

LEMOS

LUIS CONDE

A directiva de Óscar López rebaixou a débeda da entidade nun total de 20.000 euros

20 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

José Luis Campos Vázquez é o encargado de velar polas contas do Club Lemos. A diferenza doutras temporadas, a entidade goza agora mesmo dunha boa saúde financeira. O primeiro ano de xestión da directiva que preside Óscar López deu como resultado unha redución de 20.000 euros da débeda histórica. O tesoureiro está satisfeito coa situación, aínda que é consciente de que o futuro do club pasa pola resolución xudicial sobre a denuncia que o expresidente, Antonio Pérez, presentou reclamando 45.000 euros, e a que presentou o Lemos por presuntas irregularidades financeiras do exmáximo mandatario.

-¿Cal é o estado de contas actual do Club Lemos?

-Podemos cualificar a situación de tranquilidade financeira. Agora mesmo non existen tensións de tesourería, e o Club Lemos está ao día con todos. O importante é que rebaixamos a débeda en 20.000 euros, e temos liquidez para comezar a temporada oficial.

-E iso que aínda con comezaron a recadar no apartado de socios.

-Pero contamos con diñeiro dalgunha subvención. A Deputación xa nos ingresou 1.200 euros e en breve recibiremos a axuda do Concello, que superará os 15.000 euros. O que teño que comentar é que parte dese diñeiro que entre nas arcas do club destinarémolo a pagar parte da débeda que existe con Tito y Gil e con Trisport. Asimesmo xa liquidaremos a que había con A-21.

-¿Con cantos socios contará o Lemos a vindeira temporada?

-Nós emitiremos 450, xa que catrocentos cobrámolos o ano pasado, e os outros 50 non foi posible, ben porque non localizamos a eses socios ou porque non pasaron polas oficinas para retiralos. O noso obxectivo é superar os cincocentos. Nesa dirección traballaremos dende a directiva.

-¿Manterán as cotas da pasada campaña?

-Si. O carné de socio terá un custe de cincuenta euros, e logo está o de protector cun prezo de 150. Pero hai que darse conta que o socio polo mesmo prezo terá unha dobre oferta, xa que ademais do primeiro equipo poderá asistir de maneira gratuíta aos partidos do Lemos B.

-¿Canto teñen previsto recadar no apartado de casas comerciais?

-O noso obxectivo é superar os 9.000 euros. De todos os xeitos, este ano temos un obstáculo, xa que hai que retirar as pancartas do exterior do estadio da Pinguela. Esperamos que a pesar da situación, estas firmas comerciais non nos deixen de apoiar.

-A lotería é unha boa fonte de ingresos para o Lemos, ¿cando estará á venta?

-Espero que a semana que vén xa teñamos os décimos nos puntos de venda. Queremos aproveitar que hai moita xente de fóra.

-¿Resulta doado poñer dacordo o apartado deportivo e o económico?

-A verdade é que si, porque tanto xogadores como técnicos son moi comprensivos coa situación que vive o Lemos. Ademais colaboran na captación de socios e na venda de lotería. A directiva é moi comedida, e non facemos dispendios, porque hai que darse conta de que estamos pendente do desenlace xurídico por unha denuncia na que se lle reclaman ao club 45.000 euros. Iso é o que máis me preocupa agora, porque a viabilidade do club depende desa resolución xudicial.

-¿Cal é a débeda actual?

-Cando nos fixemos cargo do club, contando eses 45.000 euros que se reclaman por parte do expresidente, a débeda era de 85.000 euros. Nunha temporada rebaixámola en 20.000 euros, e a vindeira campaña confiamos en situala debaixo dos 17.000 euros.

-A vindeira temporada preséntase apaixonante, pero tamén con certa presión, porque o ascenso é a prioridade.

-É certo que o noso principal obxectivo é ascender de categoría, pero non queremos presionar nin aos futbolistas nin ao técnico. Entendemos que reforzamos ben o equipo e que contamos cun plantel con garantías para competir por dar o salto á Preferente, pero a temporada é moi longa e inflúen moitas cousas, pero si, o ascenso é o obxectivo.

-¿Que mensaxe lle traslada aos socios e aos afeccionados lemistas?

-Eu pídolles que nos sigan apoiando como fixeron a pasada temporada, porque somos conscientes que eles son o futbolista número doce. O ano que vén contarán cunha dobre oferta futbolística. Co traballo de todos seguiremos construíndo un gran Lemos.