«Aquí non cobra ningún futbolista»

luis conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O técnico local afirma que os xogadores só recibiron a campaña pasada cinco euros por punto conseguido

10 jul 2018 . Actualizado a las 20:59 h.

Juan Rodríguez cumprirá a súa segunda temporada no banquillo da SD Chantada. Custoulle tomar a decisión de renovar, porque admite que ser adestrador na túa vila ten un desgaste maior. Aos seus 29 anos encara o novo proxecto con ilusión e con ganas, pero a diferenza da campaña pasada, evita nomear a palabra ascenso á hora de falar dos principais obxectivos.

-¿Tivo que pensar moito na súa continuidade?

-Si, foi unha decisión moi meditada, pero unha vez tomada, agora xa estou ao 200% no proxecto.

-¿Por que lle custou tanto?

-Porque ser adestrador na túa vila desgasta, e ademais moita xente tiña unhas expectativas que non se cumpriron, como era o ascenso. Todo isto analiceino ben, e a miña decisión final foi continuar.

-¿Como se presenta a vindeira temporada?

-Será unha temporada moi complicada, porque equipos como o Lemos, Riotorto e Xove Lago reforzáronse moi ben. Logo, temos ao Outeiro de Rei e ao Escairón, que baixaron da Preferente. Todos estes conxuntos loitarán polo ascenso.

-¿Cal é o seu favorito?

-O principal candidato ao ascenso á Preferente será o Club Lemos, porque incorporou futbolistas chamados a marcar as diferenzas, e coñecendo como traballa Edu, a miña afirmación é categórica.

-¿Que papel xogará a SD Chantada na competición?

-Nós competiremos por estar entre os mellores, aínda que somos conscientes da dificultade que entraña a Primeira Autonómica. Perdemos futbolistas importantes como Cebolli e Mouse. Tamén é certo que fichamos a dous grandes xogadores como Adri García e Anthony Santos.

-¿Haberá máis fichaxes?

-O plantel está pechado, salvo que apareza algunha oportunidade de mercado, pero entendo que será complicado.

-¿Que xogadores se incorporarán ao primeiro equipo das categorías inferiores?

-Do Chantada B subirán Gonzalo, Roberto e Diego, e do xuvenil ascenderán Listón, Foci e Pobis.

-A filosofía non cambia.

-Non. Nós mantemos esta idea de apostar por futbolistas da canteira. Só este modelo nos permite ser sostibles, e fai viable o futuro do club. Non podemos pensar en fichar se temos ese perfil de futbolistas na casa.

-¿Cobran os futbolistas do primeiro equipo?

-Os futbolistas da SD Chantada non cobran nada. É máis, a estas alturas renovamos adestradores pero sen saber o que cobrarán. Unha vez que teñamos claro os recursos cos que contaremos, xa poderemos falar da cantidade que lle pagaremos aos técnicos. O ano pasado deunos para abonar primas. Dabámoslle aos futbolistas un euro por punto conseguido.

-¿De verdade que non se marcan como obxectivo o ascenso?

-O noso obxectivo é quedar o máis arriba posible. O ano pasado dixemos que o ascenso era a meta principal, e ao final entendeuse mal.